A CIG denuncia a "precariedade de medios de seguridade" nos xulgados e pide á Xunta medidas urxentes

Pontevedra
23 de maio 2019

A central sindical CIG acaba de enviar un escrito á Xunta de Galicia para solicitar a instalación dun escáner na entrada do edificio xudicial da Parda e a dotación de máis efectivos da Policía Nacional ou, no seu defecto, vixiantes de seguridade nesa sede xudicial e nos xulgados da rúa Germán Adrio 

Policía Nacional ante os Xulgados da Parda
Policía Nacional ante os Xulgados da Parda / Mónica Patxot

A central sindical CIG acaba de enviar un escrito á Xunta de Galicia para solicitar que aplique medidas "urxentes" para rematar coa "precariedade de medios de seguridade" que se está a vivir en varios xulgados pontevedreses. 

O sindicato solicita a instalación dun escáner na entrada do edificio xudicial da Parda e a dotación de máis efectivos da Policía Nacional ou, no seu defecto, vixiantes de seguridade nesa sede xudicial e no edificio utilizado para so xulgados contencioso-administrativos na rúa Germán Adrio. 

O sindicato lembra que desde o ano 2006 existe un convenio de colaboración e coordinación entre o Ministerio do Interior e a Xunta de Galicia polo que se establece e regula a participación de funcionarios do Corpo Nacional de Policía e da Garda Civil nas misións de vixilancia e protección dos edificios e instalacións da Administración de Xustiza en Galicia. Nese convenio contemplábase a presenza de oito efectivos da Policía Nacional  para  Pontevedra.

Segundo denuncian, os dous edificios carecen de vixilancia e resulta necesario solventar a situación "a fin de que non nos levemos as mans á cabeza" ante calquera situación que poida acontecer por falta de seguridade ao non respectarse o estipulado no convenio.

A día de hoxe, a realidade é que algunhas sedes xudiciais teñen moi minguada a vixilancia e protección. Os xulgados Contencioso-Administrativos non teñen ningún tipo de vixilancia e o edificio Xudicial da Parda tan só tres efectivos da Policía Nacional e, desde hai meses, e cando non hai policías suficientes, vixiantes de seguridade.

A carencia na seguridade nos edificios xudiciais pontevedreses leva longo tempo denunciándose. Xa o fixeron sindicatos de traballadores da Xustiza e tamén policiais.