A CIG denuncia que Inspección Educativa pretender recortar postos na Escola de Restauración

Pontevedra
19 de xullo 2018

A CIG-Ensino denuncia un "novo intento" da Consellaría de Educación por "empeorar" as ensinanzas artísticas superiores ao pretender recortar postos na Escola de Restauración de Bens Culturais en Pontevedra

Rolda de prensa da CIG Ensino e de representantes da Escola de Restauración
Rolda de prensa da CIG Ensino e de representantes da Escola de Restauración / Mónica Patxot

A CIG-Ensino denuncia un "novo intento" da Consellaría de Educación por "empeorar" as ensinanzas artísticas superiores ao pretender recortar postos na Escola de Restauración de Bens Culturais en Pontevedra.

Dende a central nacionalista lembran que hai agora xusto un ano, en xullo de 2017, a inspección educativa de Pontevedra, "cun ánimo máis de vendeta que do papel que lle debe corresponder", quixo facer recortes neste centro que, despois de numerosas protestas, finalmente non levaron a cabo.

Agora, un ano despois, a inspección "volve á carga" nun "novo ataque" no que o mesmo inspector anuncia a redución de 1 ou 2 postos de profesorado na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra, o que implicaría suprimir case a totalidade das prazas creadas pola Consellaría para a implantación do título superior en Conservación e Restauración de Bens Culturais.

A CIG-Ensino apoia totalmente a posición expresada polo profesorado do centro e o seus equipo directivo e esixe o mantemento do actual cadro de persoal na escola.