A CIG entrega sinaturas para que se manteña o dereito á xubilación parcial aos 61 anos

Pontevedra
29 de novembro 2018

Marcos Conde, secretario comarcal do sindicato nacionalista, presentou 3.500 sinaturas na Subdelegación do Goberno e anuncia que, se o Consello de Ministros non mantén este dereito, a CIG iniciará unha campaña porque "non podemos permitir que deixen a clase traballadora atrás"

Marcos Conde, Diana Rodríguez e Xaquín Agulla, da CIG Mónica Patxot

Marcos Conde, secretario comarcal da CIG en Pontevedra, entregaba este xoves 3.500 firmas no rexistro da Subdelegación do Goberno para solicitar ao Goberno de Pedro Sánchez a derrogación da reforma das pensións.

O acto realizouse antes do Consello de Ministros deste venres co obxectivo de que o Goberno central reaccione e evite que se perda definitivamente o dereito á xubilación parcial aos 61 anos.

A reforma que se aprobou no ano 2011 eliminaba o dereito á xubilación parcial, fixando un período de transición que termina este 31 de decembro. Desde a CIG alertan que se non se dá marcha atrás, as clases medias e traballadoras seguirán perdendo dereitos. Unha situación que se agrava coa introdución do factor de sustentabilidade, o atraso da xubilación aos 67 anos ou o incremento do número de anos para o cobro da pensión completa. 

"Non podemos permitir que deixen a clase traballadora atrás", afirmaba Marcos Conde ante a Subdelegación do Goberno. Sinala que decenas de miles de familias pontevedresas que conten cun integrante que cumpra 61 anos en 2019 veranse afectadas con esta medida.

A CIG xa presentou esta reivindicación ante o Ministerio de Traballo no mes de setembro e ao secretario de Estado da Seguridade Social. Anuncian que, se o goberno central non dá marcha atrás, iniciarán unha campaña para que non se perdan os dereitos de xubilados e traballadores.