A CIG propón que o Primeiro de Maio sexa unha antesala dunha folga xeral

Pontevedra
28 de abril 2018

Este martes 1 de maio, día da clase traballadora, o sindicato nacionalista levará a cabo unha manifestación a partir das 11.30 horas, que partirá da praza da Ferrería para rematar na Praza do Teucro

Paca Ferradás, responsable de CIG-Muller e Marcos Conde, secretario comarcal da CIG
Paca Ferradás, responsable de CIG-Muller e Marcos Conde, secretario comarcal da CIG / Paula Sanmartín

O sindicato CIG considera que se dan múltiples circunstancias sociais e laborais necesarias para levar a cabo unha folga xeral en todo o Estado. Con ese fondo, a central nacionalista celebrará o Día da clase traballadora este primeiro de maio cunha manifestación que baixo o lema "Pola recuperación dos nosos dereitos, contra a pobreza e a precariedade e por empregos, salarios e pensións dignas" promoverá a convocatoria dunha folga xeral.

Marcos Conde, secretario comarcal da CIG en Pontevedra e Paca Ferradás, responsable de CIG-Muller, presentaban a manifestación que se iniciará ás 11.30 horas deste martes 1 de maio na praza da Ferrería.

A marcha continuará polo centro urbano ata finalizar na praza do Teucro. Alí leranse os manifestos en defensa dos dereitos sociais e laborais que, segundo denuncia Marcos Conde, están a desaparecer nos últimos anos e que se fai visible a través da perda económica que sofren os pensionistas, as limitacións nas negociacións colectivas ou a perda de dereitos a través da chamada "Lei Mordaza", froito do goberno do Partido Popular.

Por este motivo, desde a CIG faise un chamamento para recuperar na rúa eses dereitos "porque no Parlamento non se dan solucións". Neste sentido, Conde incidiu en que a folga xeral é a única vía que queda para defender un futuro digno para a clase traballadora, que se converteu en escrava do capital.

Paca Ferradás destacou que todos os problemas laborais aos que se enfronta a sociedade ven agravados no caso das mulleres con precarización do emprego e salarios máis baixos. A representante de CIG- Muller tamén tivo palabras para amosar a "máis enérxica repulsa" á sentenza contra os integrantes da Manada, destacando a vulneración de dereitos que sofre a muller ante unha Xustiza que é "machista".

En Vilagarcía de Arousa, a CIG tamén levará a cabo unha manifestación do Primeiro de Maio, que se iniciará ás 12.00 horas na Casa do Mar.