A CIG reclama un sistema público de pensións que ofreza garantías

Pontevedra
27 de febreiro 2018
Actualizado: 17:19

Este martes 27 de febreiro, o colectivo de xubilados e pensionistas da CIG levaron a cabo unha concentración na praza da Peregrina, en Pontevedra

Os pensionistas reclaman un sistema público de pensións
Os pensionistas reclaman un sistema público de pensións / Gabriela Varela Asorey

Este martes 27 de febreiro, o colectivo de xubilados e pensionistas da CIG levaron a cabo unha concentración na praza da Peregrina, en Pontevedra.

O obxetivo foi a defensa do sistema público de pensións, en demanda de que o seu poder adquisitivo se vexa garantido, ademáis da esixencia de que as mínimas sexan iguais ao salario mínimo interprofesional.

A principal denuncia que fai este colectivo vén a prol das reformas aprobadas polo PSOE e o PP. Segundo expoñen representantes do sindicato nacionalista non houbo revisión do importe nominal das pensións durante varios exercicios e, coa posterior eliminación da lei que establecía o IPC, promoveuse un duro recorte que poderá chegar a reducir algunhas pensións futuras ata un 20%.

O colectivo de xubilados e pensionistas salienta que na actualidade existe un maior empobrecemento das persoas pensionistas. Preto dun 60% das pensións dos galegos atópanse por debaixo do salario mínimo.

Ademáis, e co 8 de marzo próximo no calendario, é destacable a referencia as mulleres que se fixo nesta protesta. Afirman que as mulleres adoitan ter unha vida laboral máis precaria e con menor remuneración, polo que son unhas das máis afectadas ante este recorte das pensións.

Tamén critican o "roubo" a emigrantes retornados, os cales se ven afectados pola retirada do finanzamento público de medicamentos e o recobro dos mesmos, converténdose nun novo imposto á enfermidade.

Con esta mobilización perseguen a derrogación destas reformas así como acadar un sistema público de pensións.

Para isto, mentres se levaba a termo a protesta, realizouse unha recollida de sinaturas para chegar a acadar os obxectivos.