A cita na ITV terá que seguir na lista de "pendentes"

Pontevedra
11 de maio 2020

As estacións de Inspección Técnica de Vehículos (ITV) están autorizadas a abrir en todos os territorios nos que se activou a fase 1 da desescalada. Con todo, as estacións de  Bora (Pontevedra), Curro (Barro), Bueu e Vilagarcía continúan pechadas e non avanzan cara á 'nova normalidade'

A estación ITV de Bora permanece pechada polo estado de alarma
A estación ITV de Bora permanece pechada polo estado de alarma / Diego Torrado

As estacións de Inspección Técnica de Vehículos (ITV) están autorizadas a abrir en todos os territorios nos que se activou a fase 1 da desescalada. Con todo, en Pontevedra aqueles condutores que teñan pendente pasar a revisión terán que seguir esperando, pois as estacións de  Bora (Pontevedra), Curro (Barro), Bueu e Vilagarcía continúan pechadas e non avanzan cara á 'nova normalidade'. 

Aínda que o Boletín Oficial do Estado (BOE) do sábado autorizaba a apertura destes espazos independentemente da superficie dos seus locais desde este luns 11 de maio, sempre con cita previa para os seus clientes, a empresa concesionaria do servizo nas estacións de Galicia, Supervisión e Control SA -  SYC, optou por non facelo.

A propia empresa comunícao aos seus usuarios a través dun "aviso importante" na súa páxina web, no que anuncia que continúan co peche temporal das súas estacións ITV e avanza que, unha vez se coñeza a data de reapertura, volverá poñer ao dispor dos clientes o servizo de cita previa, pero, de momento, non será posible gardar cita para a revisión. 

O Real Decreto 463/2020 de activación do estado de alarma establece a suspensión dos prazos de vixencia de permisos, autorizacións, licenzas ou documentación acreditativa que requiran prórroga expresa ou nova autorización. Por tanto, durante este período a obriga de realizar as inspeccións técnicas e a verificación  dos  taxímetros queda suspendida.

Desta maneira, aqueles vehículos aos que lles caduque a inspección neste período poderán circular sen problemas en canto a multas e seguros.