A cita previa, imprescindible para acudir ao Rexistro Civil de Pontevedra

Pontevedra
10 de novembro 2020

O sistema leva xa en marcha varias semanas, pero aínda hai cidadáns que o descoñecen e acoden ao edificio xudicial sen pedir cita previa, segundo confirmaron este martes fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG)  

Primeiros días de actividade do novo edificio xudicial da Parda
Primeiros días de actividade do novo edificio xudicial da Parda / Cristina Saiz

A cita previa é imprescindible para realizar determinados trámites no Rexistro Civil de Pontevedra e evitar, desta forma, a coincidencia de varias persoas na súa sede e os desprazamentos innecesarios. Así o lembran este martes desde os xulgados pontevedreses, que fan un chamamento á cidadanía para que pidan cita antes de acudir ao edificio xudicial seguindo os mecanismos que se aplican desde o pasado mes de outubro. 

O sistema leva xa en marcha varias semanas dentro das medidas adoptadas polas autoridades xudiciais para loitar contra a expansión da pandemia e facilitar os trámites á cidadanía, pero aínda hai cidadáns que o descoñecen e acoden ao edificio xudicial sen pedir cita previa, segundo confirmaron este martes fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

A obtención de quenda a través da páxina web www.xustiza.gal é indispensable para realizar xestións relacionadas cos expedientes de matrimonio, xuras de nacionalidade, capitulacións matrimoniais, cambios de nome e/ou apelidos, expedición de certificacións, fes de vida ou nacementos e información xeral.

No caso de que algunha persoa se desprece á sede do Rexistro Civil de Pontevedra -situada no edificio xudicial da Parda- sen cita, será remitida á páxina web para que a solicite, de aí a importancia de realizar o trámite xa previamente. 

Ademais, para a poboación que careza de acceso a internet, lémbrase que poden contactar co Rexistro Civil a través dos teléfonos: 886 206 744 ou 986 805 767 para que lles indiquen o día e a hora para acudir ás instalacións. 

A documentación de expedientes de matrimonio realizarase os luns e mércores, de 09.00 a 11.00 horas, cada 30 minutos. Os martes, de 09.00 a 11.00 horas tramitaranse xuras de nacionalidade, mentres que as capitulacións matrimoniais levarán a cabo os luns e os mércores, de 11.00 a 12.00 horas, cada 15 minutos. 

Para outros expedientes, como cambios ou rectificacións de nome, as citas serán os xoves, de 09.00 a 11.00 horas, cada 30 minutos. As certificacións tramitaranse todos os días, de 09.00 a 13.00 horas, cada 15 minutos. As fes de vida serán tamén, de luns a venres, de 09.00 a 11.00 horas, cada 15 minutos; e os nacementos, todos os días, de 10.00 a 13.00 horas, cada 30 minutos.