A cita previa no Concello e a biblioteca de Marín deixará de ser necesaria a partir de outubro

Marín
29 de setembro 2021

O día 1 reabren tamén os locais municipais, aínda que as entidades usuarias deben cumprir un protocolo que poden descargar da web do Concello

Marín reabre os seus locais municipais
Marín reabre os seus locais municipais / Concello de Marín

A partir do 1 de outubro volve a actividade presencial nos locais municipais dependentes do Concello de Marín, para os que o goberno local elaborou un protocolo de acceso e de utilización para facer cumprir coa normativa vixente a nivel sanitario.

Os espazos que están suxeitos ao protocolo son o Parque Azul de Cantodarea, a antiga Aula de Música, os salóns da Finca de Briz, o local social da Cañota, a antiga Cámara Agraria, as Casas de Cultura de Seixo e Mogor e os salóns de Méndez Núñez. O uso destas instalacións está dirixido ás asociacións e entidades sociais e culturais que están censadas no Rexistro Municipal de Entidades do municipio de Marín. 

Na páxina web do Concello pódese descargar o protocolo relativo ao uso das instalacións municipais, no que se poden atopar ademais os anexos que se deben presentar para poder acceder ás mesmas.

Por outra banda, a partir do día 1 tamén rematará a obligatoriedade de solicitar cita previa para realizar trámites nos departamentos de Rexistro, Tesourería e no Padrón. Así a todo, aínda que xa non será obligatorio, o bo funcionamento que deu o sistema motiva o seu mantemento para aquelas persoas que queiran seguir utilizándoo.

No que respecta ás consultas cos departamentos técnicos si será preciso pedir cita, tal e como xa se viña facendo antes da chegada da pandemia.

Esta fin da obrigación da cita previa estenderase tamén para a Biblioteca Pública Vidal Pazos, na que se poderá acceder ao préstamo con normalidade e que a partir do venres recuperará o seu horario habitual, de 9 a 21 horas.