A cociña internacional, reclamo da IV Festa da Emigración

Ponte Caldelas
09 de xullo 2019

A Festa Gastronómica da Emigración celebrarase entre o venres 12 e o domingo 14 de xullo na Alameda de Ponte Caldelas

Festa Gastronómica da Emigración en Ponte Caldelas
Festa Gastronómica da Emigración en Ponte Caldelas /

A Festa Gastronómica da Emigración chegará á súa cuarta edición a próxima fin de semana na Alameda de Ponte Caldelas.

O multitudinario evento dará comezo na tarde-noite do venres, día 12 de xullo, terá continuidade con servizo de comida e cea o sábado e de comida o domingo 14 de xullo.

Os asistentes terán a ocasión de degustar unha variedade de 12 pratos representativos da cociña dos países relacionados coa emigración a un prezo de 5 euros, incluíndo unha bebida.

Tras a reunión preparatoria celebrada entre o Concello e establecementos participantes, o goberno local sinala que se prevén despachar preto de 20.000 racións de comida.

Na Alameda instalaranse mesas corridas e 1.200 cadeiras para dar cabida ao público nunha fin de semana na que se espera que o tempo axude a que se produza unha alta asistencia e na que tamén haberá actuacións musicais da charanga 'Alambique', o mariachi de Leonardo Flores, os grupos tradicionais 'Nós tamén imos' e 'Airiños da Fracha' e, finalmente, a batucada brasileira 'Os Queimatasas'.

Os postos de hostalería serán contarán co Mexicano de Tourón (cociña mexicana), Tapería Victoria (española), Casa 501 (cociña galega), Verdugolandia (uruguaia), A Terracita (portuguesa), La Tribu (cubana) e O Recanto (Estados Unidos). Estará tamén o Rodicio de Porteliña (Poio) representando á gastronomía brasileira, ademais da peixaría Virxe do Carme (cociña galega), Gaiteiro (galega) e o cátering Valenciaga (cociña galega e italiana).

A variedade gastronómica complétase cos doces e empanadas que ofrecerán O Pan de San Antonio e o Alameda.