A colaboración cidadá destapa un caso de violencia machista no que a muller non denunciaba por medo

Pontevedra
11 de setembro 2022

Catro persoas informaron á Policía Local que acababan de presenciar unha agresión na avenida de Bos Aires. Os axentes localizaron nun portal unha muller sentada no chan, chorando e moi alterada. Confirmou que non era a primeira vez que a agredía, pero rexeitou denunciar á súa parella por medo a que lle volvese facer dano

Axentes da Policía Local de Pontevedra Mónica Patxot

A colaboración cidadá resultou fundamental nas dúas últimas detencións por violencia de xénero realizadas pola Policía Local de Pontevedra. Un testemuña permitiu aos axentes deter un mozo de 18 anos por agredir e acosar á súa parella menor de idade e catro persoas puxeron en coñecemento das autoridades un caso de violencia machista no que a muller recoñeceu que xa fora agredida antes, pero non denunciaba por medo a que o agresor lle volvera facer dano.

Segundo a información facilitada pola Policía Local, este segundo caso sucedeu o 23 de agosto. Un grupo de catro persoas informaron á Policía Local que acababan de presenciar unha agresión na avenida de Bos Aires .

Estas catro testemuñas presenciaron como un home golpeaba a unha muller e fuxía do lugar e, coa información facilitada, os axentes acudiron ao lugar e localizaron nun portal unha muller sentada no chan, chorando e moi alterada.

Esta muller confirmou aos axentes a agresión e que non era a primeira vez que a agredía, pero rexeitou denunciar á súa parella por medo a que lle volvese facer dano.

A vítima queixábase dunha forte dor de cabeza a consecuencia de terlle tirado dos pelos e de golpeala contra as escaleiras.

Os axentes acompañárona ao domicilio para retirar as súas pertenzas e entrevistáronse co presunto agresor, que non negou os feitos e recoñeceu que levaban tempo con discusións.

O suposto agresor contou aos axentes que quería que a súa parella abandonara a vivenda.

Os axentes procederon á detención deste home, de 30 anos de idade, por un presunto delito de violencia de xénero.

Desde o Concello de Pontevedra agradecen a colaboración cidadá, que foi determinante para a detención e, en xeral, resulta fundamental para a erradicación de delitos de violencia de xénero.