A colleita de kiwis de Santa Clara abastece o comedor de San Francisco

Pontevedra
10 de novembro 2022

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado polo concelleiro de Patrimonio, Xaquín Moreda, entregou preto dun cento de quilos desta froita aos responsables desta entidade solidaria que dá para comer cada día a unhas 160 persoas

Lores e Moreda entregan os kiwis de Santa Clara no comedor de San Francisco
Lores e Moreda entregan os kiwis de Santa Clara no comedor de San Francisco / Mónica Patxot

A adquisición de Santa Clara por parte do Concello ten tamén fins solidarios. Aproveitando que o xardín do convento está repleto de árbores froiteiras e como novembro é o mes da colleita do kiwi, desde o goberno local decidiron que o mellor que se podía facer con tal cantidade de froita é entregarlla ás persoas máis desfavorecidas.

Este xoves o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado polo concelleiro Xaquín Moreda e traballadores do Concello, fixo entrega da inmensa produción de kiwis á entidade solidaria máis emblemática da cidade: o comedor de San Francisco. 

"Colleuse a colleita de Santa Clara, que é unha orde irmá á de San Francisco, e trouxémoslles kiwis, que son da casa", declarou o rexedor ás portas do comedor. "É unha cantidade importante e servirá para que a xente que utilice o comedor de San Francisco poida tomar froitos naturais, porque ademais non se lles bota nada, están como viñeron ao mundo", engadiu sen poder precisar a cantidade exacta de froita entregada.

"Son nove caixas das grandes, que levan máis do dobre do que leva unha caixa de froita normal. Pode chegar aos 100 quiilos", matizou Moreda.

A visita serviu tamén para que Lores coñecese ao novo director do comedor, Humberto González. "Estamos con Don Gonzalo, que era o prior, pero levaba xa moitos anos traballando e levando responsabilidades, houbo un cambio de dirección e viñemos a saludalos", explicou o dirixente outra das razóns da visita. 

Xunto ao mandatario nacionalista estaba o ata hai uns días director do comedor, Don Gonzalo, que agradeceu a achega municipal. "O Concello colabora con nós bastante máis do que se pode pensar. Cando hai necesidades, imos ao Concello e sempre nos atenden moi ben", asegura.

Aínda que se trata dunha enorme cantidade de froita, sostén don Gonzalo que "se despachan rapidamente, con dous ou tres kiwis a cada un, vanse deseguido. Aquí as cousas que veñen non se estragan".

Actualmente, o comedor de San Francisco atende a diario a unhas 160 persoas. Aínda así, hai días nos que se alcanzan picos de máis de 180 menús. "Cando eu vin para aqui, sobre o 2007, había unhas 80 persoas. Pero empezou a aumentar ata 160. E ao principio da crise dá covid-19 houbo días de ata 210", conclúe o exidrector desta institución.