A comandante médico María Dolores Muñoz, da Brilat, galardoada co premio "Soldado Idoia Rodríguez"

Pontevedra
09 de marzo 2020

O Boletín Oficial do Estado publicou este luns a orde ministerial pola que se concede este galardón, creado en 2007, que recoñece o "labor de persoas e institucións, tanto militares como civís que realizasen actuacións relevantes ou exemplares para potenciar o papel da muller ou para apoiar a igualdade de oportunidades e de xénero nas Forzas Armadas"

Comandante María Dolores Muñoz, distinguida co Recoñecemento Civil ás Vítimas do Terrorismo
Comandante María Dolores Muñoz, distinguida co Recoñecemento Civil ás Vítimas do Terrorismo / Mónica Patxot

A comandante médico, María Dolores Muñoz Pérez, destinada na Brigada Galicia VII do Exército de Terra, foi galardoada co premio "Soldado Idoia Rodríguez" correspondente a este ano.

O Boletín Oficial do Estado publicou este luns a orde ministerial pola que se concede este galardón, creado en 2007, que recoñece o "labor de persoas e institucións, tanto militares como civís que realizasen actuacións relevantes ou exemplares para potenciar o papel da muller ou para apoiar a igualdade de oportunidades e de xénero nas Forzas Armadas".

Entrégase en recordo da Cabo Idoia Rodríguez Buján, primeira muller militar española que faleceu nunha misión internacional, en Herat en 2007, pola explosión dunha mina baixo o blindado BMR no que viaxaba.

O xurado, presidido polo subsecretario de Defensa Afasto da Torre, estimou oportuno tamén facer unha mención especial a outras tres mulleres militares. Trátase da sarxento primeiro Dolores Martínez Garrido, a comandante Rocío González Torres e a capitán enfermeira Raquel Moreno González, que foi distinguidas por considerar que as súas actuacións para potenciar o papel da muller ou para apoiar a igualdade de oportunidades nas Forzas Armadas fanas acredoras da distinción.

O Ministerio de Defensa entregará o Premio o próximo día 16 de marzo nun acto presidido pola ministra de Defensa, Margarita Robles, que se celebrará no Palacio de Polentinos (antiga Academia de Intendencia), en Ávila.

PREMIADA

A comandante médico Muñoz Pérez recibiu o galardón por ser un referente pola súa esmerada preparación e entrega, potenciando o liderado da muller nas Forzas Armadas e visibilizando o seu papel dentro e fóra da Institución. Goza dun gran prestixio na Brigada "Galicia VII", debido á súa iniciativa para mellorar día a día as condicións do servizo que dirixe como xefa de Sanidade da unidade. Participou na campaña Antártica e en varias misións internacionais, sufrindo nunha delas, en Afganistán, un atentado na ambulacia na que viaxaba e na que faleceu a cabo ldoia Rodríguez.

Tamén, fóra da unidade, é un referente no seu campo impartindo conferencias sobre sanidade militar en operacións en distintos ambitos.ç