A compra de novos equipos sitúa ao parque de bombeiros de Pontevedra á vangarda tecnolóxica de Galicia

Pontevedra
30 de setembro 2020

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou o parque pontevedrés para comprobar a implantación das últimas adquisicións realizadas polo  Concello. O rexedor asegura que o tamaño do persoal é suficiente para a atención na cidade e que o parque non se trasladará

Visita do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ao parque de bombeiros
Visita do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ao parque de bombeiros / Mónica Patxot

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou este mércores o parque municipal de bombeiros para comprobar o estado da instalación e os equipamentos e ferramentas recentemente adquiridas polo goberno local para mellorar a seguridade e adaptar os medios do corpo de bombeiros aos últimos avances tecnolóxicos.

"Fixemos unha renovacion importante de equipos de rescate que incorporan novas tecnoloxías para mellorar a proteccion dos traballadores, para definir o tipo de actuación que se ten que facer e coa máxima protección para o calor", detallou o rexedor algunhas das calidades das últimas incorporacións. Os investimentos municipais redundan tamén nunha mellor operatividade, posto que a instalación de novos despachos individuais con todo o equipamento necesario para cada traballador reduce a un minuto o tempo de saída cando hai unha emerxencia.

Destacou tamén Fernández Lores que a formación do persoal é continua e que a nivel tecnolóxico, o parque de Pontevedra sitúase á vangarda dos parques de Galicia.

O investimento municipal realizado nos últimos meses, á espera dunha nova actuación para adaptar o recinto ás normas Covid, supera os 200.000 euros.

Con respecto ás reivindicacións de necesidade de máis bombeiros, o alcalde deixou claro que "para a cidade de Pontevedra hai persoal suficiente". Os problemas xorden cando é necesario desprazarse a outros municipios pero "iso métenos noutro debate sobre a comarcalización. Nós non estamos en contra sempre que o Concello non teña que poñer máis cartos", declarou o mandatario nacionalista.

Sobre a reforma urbana do nó de bombeiros, o rexedor sinalou que o proxecto xa está aprobado e incluído no presupostos pero que se atopa á espera da resolución de trámites administrativos no proxecto e da firma dun convenio entre Audasa e Fomento. Algo que é seguro é que "o parque vai seguir aquí", sentenciou Lores.