A comunidade de montes de Lourizán rexeita ceder os terreos para construír o campo de fútbol

Pontevedra
27 de febreiro 2017

Deixan a porta aberta a unha nova negociación co Concello de Pontevedra. Os comuneiros argumentan que os gobernos locais están mal acostumados porque ven os montes veciñais como terreos a baixo prezo ou gratuítos

Lourizán
Lourizán

A comunidade de montes de Lourizán celebrou as asembleas xerais ordinaria e extraordinaria con varios puntos conflitivos. Desta forma, decidiuse que a comunidade abandone oficialmente o Consello Parroquial de Lourizán mentres non haxa por parte do Concello de Pontevedra un compromiso de que se tomará en serio este órgano e as decisións que se adoptan.

Sinalan que o plan parroquial incumpriuse sistematicamente por parte do goberno local desde a súa aprobación hai tres anos.

En relación á Casa da Cultura de Lourizán, os comuneiros indicaron que debe de construírse nos Praceres, rexeitando a opción de Estribela, como propón o Concello. Os integrantes da agrupación de Lourizán consideran que non se debe rehabilitar a praza de abastos de Estribela para destinala a Casa da Cultura. Sinalan que neste edificio onde xa se atopa o centro social débense acometer reformas para mellorar as instalacións pero entenden que existe unha reivindicación histórica para construír unha nova Casa da Cultura en Praceres. E instan o goberno de Fernández Lores a atender a vontade popular.

Os comuneiros tamén rexeitaron a cesión de terreos da comunidade de montes para a construción do campo de fútbol municipal Salcedo-Lourizán. En todo caso, indican que están abertos a favor de convocar outra asemblea para volver tratar o tema cos responsables políticos e comprobar se están dispostos a aceptar os puntos aprobados no plan parroquial sobre o monte veciñal.

Na asemblea, os participantes alegaron que os gobernos locais están mal afeitos ao entender que os montes veciñais son terreos que se poden conseguir a un prezo baixo ou mesmo gratis como no caso da cesión para construír este campo de fútbol. Os responsables do club San Andrés C.F. de Lourizán manifestaron a súa intención de que Ence sexa quen constrúa un campo na zona costeira da parroquia.

Por este motivo, os comuneiros cren que o campo de fútbol que promove o Concello podería quedar a curto ou a medio prazo unicamente para o equipo de Salcedo e para outros equipos do municipio mentres que o da parroquia xogaría no de Ence. 

Os comuneiros, en todo caso, mostraron nas asembleas o seu enfado pola actitude do goberno muncipal a quen acusa de non comprometerse con ningún dos puntos aprobados polo consello parroquial en 2014.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora