A comunidade de montes de San Xurxo cederá terreos para a construción do enlace de Cutián

Cerdedo Cotobade
20 de xuño 2016

Na asamblea tamén se producíu a marcha da actual xunta directiva, presidida por Luis Gómez Boedo

Incendio forestal en San Xurxo de Sacos
Incendio forestal en San Xurxo de Sacos / Diego Torrado

A Comunidade de Montes de San Xurxo de Sacos celebrou este domingo unha asamblea na que se aprobou definitivamente a cesión dos terreos necesarios para a construción do enlace de Cutián, que é unha das melloras viarias proxectadas polo Ministerio de Fomento para gañar en seguridade vial na estrada N-541.

Este acordo xa fora anunciado e acordado pola asamblea dos comuneiros, pero faltaba por realizar o derradeiro trámite para que fora firme, circunstancia que se produciu na xuntanza do pasado domingo. Deste xeito, os terreos xa pasan a mans das administracións públicas para que poidan acometer esta obra.

Nesta asamblea tamén se producíu a marcha da actual xunta directiva, presidida por Luis Gómez Boedo e que contaba con Óscar Pintos como secretario, entre outros comuneiros. Este grupo dirixíu os destinos do colectivo durante cinco anos e deron o testemuño a un novo equipo rector, que polo momento non designou ao novo presidente.

O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, quixo mandar unha mensaxe de profundo agradecemento a Luis Gómez Boedo e á súa directiva “por cino anos de traballo intensísimo e desinteresado a prol da parroquia e de Cotobade” e quixo poñer a este equipo como exemplo de veciños e cidadáns “responsables cos intereses xerais e comprometidos coas necesidades do noso concello”.

Asimesmo, o rexedor cotobadés tamén quixo felicitar ao novo grupo rector e, á espera de que decidan quen será o presidente, trasladoulles o seu apoio e anunciou que se pon á súa disposición “para sacar adiante os proxectos de interese para a comunidade de montes”.