A concelleira de Festas, sorprendida pola ofrenda da Deputación á Virxe Peregrina: "Nós cremos no laicismo"

Pontevedra
20 de agosto 2019

A concelleira do goberno local de Pontevedra Carme da Silva lamenta que cargos públicos como este ano o deputado provincial Santos Héctor participen de maneira activa no acto relixioso en representación da Deputación. Alí pedíalle á Virxe construír unha sociedade máis xusta e de dereitos

Carme da Silva
Carme da Silva / Paula Sanmartín
Carme da Silva, sorprendida pola ofrenda á Virxe Peregrina desde a Deputación /

"Nós cremos na separación entre igrexa e Estado e no laicismo". Con esta declaración de intencións expresábase a concelleira de Festas e voceira provisional do goberno local, Carme da Silva, este luns ao facer referencia ás condicións meteorolóxicas durante as festas de verán en Pontevedra e como tiñan respectado o lanzamento dos fogos artificiais.

A concelleira nacionalista quixo sinalar que sobre temas relacionados co tempo, o Concello non pode facer nada. E aproveitou para ironizar sinalando que igual na Deputación, onde o PSOE cogoberna co BNG, si se poida facer "algo máis" atendendo á ofrenda que a institución provincial protagoniza ante a Virxe Peregrina durante as festas.

Este ano, o deputado socialista Santos Héctor era o encargado de realizar esa ofrenda e, entre outras peticións, solicitaba á patroa da provincia a construción dunha sociedade máis xusta e de dereitos. O deputado socialista por Vigo, durante o acto, agradecía á imaxe relixiosa a súa protección no camiño que está a percorrer o actual Goberno provincial bipartito para "dar resposta ás necesidades da cidadanía con xenerosidade, transparencia e honradez".

Carme da Silva manifestou que lle resulta "sorprendente" que no século XXI cargos institucionais representantes de gobernos laicos participen neste tipo de actos de carácter relixioso. A representante do BNG sinalou que este "tipo de cousas" deben ser realizadas polas persoas que "teñen que facelo", referíndose a representantes da igrexa e a devotos católicos.