A Concellería de Educación concede axudas ás ANPA para a realización de actividades

Pontevedra
09 de setembro 2014

Benefícianse a práctica totalidade das asociacións de nais e pais do municipio

Agustín Fernández con membros da ANPA da Xunqueira I
Agustín Fernández con membros da ANPA da Xunqueira I

A Concellería de Educación repartiu 24.670 euros en subvencións para financiar as actividades sen ánimo de lucro desenvolvidas polas Asociacións de Nais e Pais (ANPA) durante o curso escolar 2013-2014.

Un total de 18 ANPA presentaron as súas solicitudes en tempo e forma e repartiranse, deste xeito as axudas municipais. Son os casos de Anduriña, Areeiro, Andaina (Xunqueira 2), San Xosé (Campolongo), San Pedro (Parada-Campañó), San Martiño (Salcedo),  Helenes (IES A Xunqueira 2), Pardo Bazán (Froébel), San Martín (EEI Verducido), Virxe do Carme (Pontesampaio), O Galo (Barcelos),Os Campos (EEI Fina Casalderrey), Cucú (EI A Parda), Río Lérez (Manuel Vidal Portela), San Miguel (Marcón), Joaquín Costa (Álvarez Limeses), Santo André de Xeve e Os Valados (Vilaverde-Mourente).

"Nin a Xunta de Galicia, nin a Deputación puxeron en marcha convocatorias de relevancia durante os últimos anos", dixo Agustín Fernández.

O concelleiro, Agustín Fernández, destacou que o importe total das axudas é o mesmo dos últimos anos, sen ningún tipo de redución. O concelleiro destaca, ademais, que "trátase das únicas axudas públicas ás que pode optar o movemento educativo, toda vez que nin a Xunta de Galicia, nin a Deputación Provincial puxeron en marcha convocatorias de relevancia durante os últimos anos".

Fernández tamén destacou que houbo "serias dificultades" para poder sacar adiante esta convocatoria, pois a recente Lei de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local, impulsada polo Goberno de España, "retirou aos concellos toda competencia educativa máis alá do puro mantemento e conservación dos colexios", valorou.