A Confraría de Arcade recibe unha axuda municipal para sementar ameixa

Soutomaior
15 de febreiro 2024

O Concello xustifica esta axuda na situación que está a vivir o sector do mar debido a alta mortandade da ameixa e outros problemas que padece o sector

Gonzalo Reinoso e Manu Lourenzo
Gonzalo Reinoso e Manu Lourenzo / Concello de Soutomaior

O alcalde de Soutomaior, Manu Louenzo, reuniuse co patrón maior da Confraría de Arcade, Gonzalo Reinoso, para comunicarlle a concesión dunha axuda municipal de 15.000 euros que será destinará á compra da ameixa.

A Confraría de Arcade presentou un informe do biólogo no que recomendan que se sementen con ameixa de maior tamaño do que se viña criando ata o de agora. De tal xeito, que con esta iniciativa preténdese rexenerar os bancos marisqueiros e garantir unha maior produtividade do fondo da Ría de Vigo que contribúa na calidade de vida e nos ingresos dos mariñeiros e mariscadoras.

"Con esta iniciativa queremos amosar o noso compromiso co sector do mar que está a padecer unha situación moi difícil nos últimos tempos", dixo o alcalde de Soutomaior. 

Manu Lourenzo tamén sinalou a importancia de que Soutomaior conte canto antes cunha nova EDAR "que permita resolver este problema canto antes".

Neste sentido, o alcalde lembrou que a Xunta ten "paralizada" esta estación depuradora de augas residuais dende hai máis de 10 anos "e o noso sector do mar está a padecer as consecuencias".

"O Goberno de Soutomaior cumpre cos nosos mariñeiros e mariscadoras e esiximos que todas as administracións responsables fagan o mesmo", dixo o alcalde que destacou que o mar é un sector produtivo "estratéxico" para o concello .

"Estamos falando de bancos marisqueiros que están no ámbito da Rede Natura da Enseada de San Simón e isto constitúe un tesouro que dende o Goberno de Soutomaior imos a coidar e a recuperar", finalizou Manu Lourenzo.