A conselleira aclara que as obras da senda peonil non afectarán ao Con do Cormorán

Sanxenxo
22 de marzo 2017

Asegura que todas as actuacións previstas na primeira fase da obra, que se está a executar entre A Lanzada e Soutullo e rematará en verán, foron acordadas co Concello e tiveron en conta as demandas veciñais

Visita da conselleira Ethel Vázquez ás obras da senda peonil entre A Lanzada e Soutullo
Visita da conselleira Ethel Vázquez ás obras da senda peonil entre A Lanzada e Soutullo / Xunta de Galicia

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, avanzou este xoves no Parlamento de Galicia que a Xunta iniciará en abril a segunda fase da senda peonil e ciclista na estrada PO-308, entre Soutullo e Major, e iniciará este mesmo ano a contratación das obras do terceiro treito, que chegará ata Portonovo.

A titular de Infraestruturas do goberno galego salientou que todas as actuacións previstas nas obras da primeira fase que se están a executar entre A Lanzada e Soutullo e que rematarán en verán, foron acodardas co Concello de Sanxenxo e tiveron en conta as demandas de diferentes colectivos veciñais.

Vázquez Mourelle remarcou que este proxecto conta con todos os informes favorables dos órganos competentes en materia de patrimonio e medio ambiente e non afectará ao Con do Cormorán.

A conselleira destacou que esta actuación entre A Lanzada e Portonovo é compatible co respecto ambiental e patrimonial. Precisou que aínda que as rochas non teñen protección, a Xunta respectará a sensibilidade da veciñanza, polo que os traballos non incidirán neste penedo nin nos das súas proximidades.

A conselleira indicou que a Axencia Galega de Infraestruturas conta coas correspondentes autorizacións, tanto da Dirección Xeral de Patrimonio como da de Conservación da Natureza e vén atendendo as medidas preventivas establecidas para minimizar posibles afeccións.

Ademais remarcou que, tendo en conta o posible impacto do trazado do proxecto en terreos incluídos en Rede Natura 2000, técnicos do Servizo de Conservación da Natureza de Pontevedra e persoal de vixilancia do espazo natural procederon á inspección do lugar, xunto con técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas. Nesta inspección, corroborouse que as actuacións previstas están dentro da zona de dominio de Estradas.

En relación á parcela na que se atopa o Con do Paxaro, a conselleira lembrou que se trata dunha parcela illada do espazo natural protexido e carente dos seus valores e neste zona non hai dunas. Dixo que o Con do Cormorán carece de catalogación ou de protección patrimonial ou ecolóxica especial, pero, aínda así, a Xunta, consciente da súa significación simbólica, en ningún momento preveu a súa retirada.

Co obxectivo de atender as demandas veciñais e de acometer os traballos atendendo, no posible, a todas as sensibilidades, buscouse unha solución, que permite evitar o paso da senda polas rochas e que afectará minimamente á zona de aparcadoiro, xa que só son dúas ou tres prazas as que se perden.