A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou este xoves en Pontevedra no 'Encontro en feminino: as competencias brandas no desenvolvemento cotián' que tivo lugar no XII Salón da Oferta de Educación e Formación de Galicia (Edugal).
Rivo identificou á "importancia dunha formación ampla e especializada que unida á experiencia e ás capacidades diferenciadoras" como "as claves para desenvolver un emprego con éxito".
Neste encontro que mantivo con estudantes de diferentes idades, e no que tamén participaron a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva Lantarón, e a piragüista Estefanía Fernández, a conselleira avogou por políticas para acadar o fortalecemento das mulleres no mercado de traballo.
Así, a Xunta ten en marcha programas neste eido, para impulsar o liderado da muller na empresa e actuacións para promover a formación especializada como son as microcredenciais para dar resposta ás máis de 15.000 vacantes laborais que existen hoxe en día en Galicia.
Deste xeito, o Goberno galego está a traballar para "facer de Galicia unha terra de oportunidades" reforzando os mecanismos para combater o desemprego e o impulso da formación e da cultura emprendedora.
A conselleira referiuse á "importancia da actidude fronte á aptitude" para acadar un emprego de éxito e de como potenciar as capacidades diferentes de cada un forma parte do liderado.
Así mesmo, falaron sobre a importancia de promover a igualdade de oportunidades e concenciar e sensibilizar sobre este eido desde idades temperás.
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade participa en Edugal cun stand no que se ofrece, entre outros, información sobre os programas autonómicos no eido da formación e o emprego, charlas sobre como facer un CV, unha presentación ou unha entrevista de traballo.
MESA REDONDA
Edugal tamén acolleu este xoves a mesa redonda titulada: "Que vén despois? Traxectoria profesional tras o IES Luís Seoane" e nela antigos alumnos dos distintos ciclos do centro (da rama de Administración e Comercio) comentaron as súas experiencias no mercado laboral.
Os relatores eran: Alba Abilleira, que estudou CS de Asistencia á Dirección e que actualmente traballa no departamento financeiro de Krack The Walk; Gonzalo Moldes, que estudou CS de Comercio Internacional e traballa como especialista de márketing dixital en Wired&Linked; Carla Campos, que estudou CS de Asistencia á Dirección e traballa no departamento de administración da produtora musical Play Plan, e Ángela de Faveri, que estudou CS de Xestión de Vendas e traballa como policía portuaria na Autoridade Portuaria de Marín e Pontevedra.
Na mesa redonda falarons da importancia da "actitude, de poñerlle ganas ao traballo, darse a coñecer no mundo e non perder a esperanza se se tarda un pouco en atopar traballo".