A conselleira María Martínez visita Valdecorvos para promocionar a vivenda pública

Pontevedra
04 de xuño 2024

Nun acto de campaña do Partido Popular con Luis López, presidente provincial da agrupación política, quen demanda do Goberno central unha "axeitada xestión no tema da vivenda". A responsable de Vivenda e Planificación de Infraestruturas no goberno galego lembrou que esta zona de Pontevedra vai contar con 178 novas vivendas de promoción pública e están a estudar outros tres terreos municipais para novas residencias

Gerardo Pérez Puga, Agustín Reguera, Luis López, María Martínez, Luisa Piñeiro e Juan Manuel Muñoz, do PP, en Valdecorvos
Gerardo Pérez Puga, Agustín Reguera, Luis López, María Martínez, Luisa Piñeiro e Juan Manuel Muñoz, do PP, en Valdecorvos / Partido Popular

María Martínez Allegue, conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, coincidía con Luis López, presidente provincial do PP de Pontevedra, no barrio de Valdecorvos dentro dun acto de campaña do Partido Popular. 

López reclamou ao Goberno central unha adecuada xestión no tema da vivenda ao entender que resulta de suma importancia para os máis novos e afirmou que nesta materia precísase xestión, "o que mellor se lle dá ao PP", apuntaba.

Lembrou que a vivenda é unha competencia á que se destinan, de maneira directa ou indirecta, fondos europeos e pediu o voto para os populares argumentando que é necesaria unha política realista e útil para garantir o acceso de todas a un fogar.

A conselleira de Vivenda, pola súa banda, lembrou que está previstas máis de 500 vivendas en Valdecorvos, 74 delas xa en marcha. A este número sumaranse dous grupos máis de 56 e 46 residencias familiares, que foron autorizadas polo Concello de Pontevedra.

Desta forma, María Martínez destacou as 178 novas vivendas de promoción pública, ao engadir as 74 xa licitadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Nos proxectos previstos un dos edificios ofrecerá unha altura de baixo, catro plantas e baixo cuberta, con 56 vivendas, garaxes, rochos e locais en tres bloques independentes composto por planta soto, común aos tres bloques; planta baixa; catro altas e baixo cuberta. Este inmoble construirase nunha parcela de 3.201 m2 de superficie. 

O de 48 vivendas instalarase nunha parcela de 1.147 m2. Distribuiranse en dúas pratas de soto, planta baixa, seis plantas de altura e baixo cuberta.

Para as construcións en novas parcelas, a conselleira recoñeceu que o seu departamento está en conversacións coa concellería que leva Alberto Oubiña para decidir o terreo, entre dous ou tres solos, para crear máis fogares de promoción pública en Pontevedra. "Están sendo frutíferas", asegurou María Martínez en relación a estes encontros co Concello pontevedrés.