A conselleira Rosa Quintana informa aos profesionais do mar das axudas europeas

O Salnés
18 de xuño 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, informou das axudas procedentes do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca aos representantes da confraría e dos profesionais do marisqueo do Grove

A conselleira do Mar na confraría do Grove
A conselleira do Mar na confraría do Grove / Xunta de Galicia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, informou das axudas procedentes do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca aos representantes da confraría e dos profesionais do marisqueo do Grove.

Segundo anunciou nesta xuntanza de traballo, os destinatarios das axudas serán aqueles profesionais do marisqueo a pé que pararon temporalmente a súa actividade durante a pandemia e non puideron beneficiarse da prestación por cese de actividade habilitada trala declaración do estado de alarma.

Estas persoas terán a posibilidade de acceder á vía de apoio específica para este sector que inclúe o plan Avantemar de reactivación para o eido marítimo-pesqueiro ante a crise derivada do coronavirus.

Este foi un dos sectores máis afectados por esta pandemia xa que apenas puido faenar como consecuencia do peche efectivo da hostalería, a principal canle de venda dos seus produtos, e da caída dos prezos dun 96% pola baixa demanda no primeiro mes de vixencia do estado de alarma.

A isto, engadiu a conselleira de Mar, súmase a imposibilidade para moitas persoas deste sector de acceder á prestación por cese de actividade, condicionada á caída do 75% dos ingresos respecto do semestre anterior.

Este programa da Xunta prevé máis de 5 millóns de euros para este sector procedentes do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca asignado a Galicia e de fondos propios da Xunta.