As obras de construción do novo centro sociocultural de Tenorio entran na súa fase final co inicio dos traballos de levantamento de paredes, tabiques interiores, instalación da cuberta e implantación de servizos despois de completar a colocación da estrutura xeral. O obxectivo do Concello de Cerdedo Cotobade é telo en funcionamento ao longo do 2021.
Os 560 metros cadrados de superficie que terá o inmoble, servirán para acoller toda a actividade social e cultural da parroquia. Cun orzamento de 620.000 euros, despois da obra o centro contará cunha sala dobre de 170 e 107 metros cadrados, que poderían utilizarse de forma conxunta.
Nestes espazos organizaranse todas as actividades da parroquia, prestando especial atención a aquelas que sexan beneficiosas para os maiores e os colectivos culturais e musicais. Ademais haberá tres aulas, dúas oficinas, catro aseos, almacén e soportal.
Un dos grandes atractivos do inmuieble será o miradoiro interior con balcón da parte posterior con vistas á parroquia de Tenorio e ao val do Lérez.