A contorna da capela de San Benito de Lores, en Meaño, aberta ao tráfico con imaxe mellorada

O Salnés
26 de xaneiro 2024

Actuaron nun tramo de 345 metros cun investimento municipal de 128.037 euros. As obras incluíron a demolición do pavimento asfáltico, o soterramento das novas canalizacións dos servizos básicos, e a preparación do terreo para un novo pavimento de pedra natural máis idóneo para a importancia patrimonial do santuario  

Apertura do renovado vial de acceso á capela de San Benito de Lores Concello de Meaño

 O Concello de Meaño confirma a finalización das obras de humanización do vial de acceso á capela de San Benito de Lores. Xa volve estar permitida a circulación pola zona, que presenta unha imaxe mellorada.

Segundo a información facilitada polo Concello, actuaron nun tramo de 345 metros cun investimento municipal de 128.037 euros.

 No tramo do vial desde a EP-9205 ata a escalinata de San Benito, empregouse un pavimento de lastrado de granito de dúas tonalidades e rigola de pedra granítica para dar continuidade á contorna patrimonial. 

O mesmo pavimento utilizouse no cruce dos catro camiños e en diferentes franxas de lastra ao longo do camiño para conseguir unha redución da velocidades de circulación dos vehículos.

As obras incluíron a demolición do pavimento asfáltico, o soterramento das novas canalizacións dos servizos básicos, e a preparación do terreo para un novo pavimento de pedra natural máis idóneo para a importancia patrimonial do santuario de San Benito.

Esta actuación de humanización forma parte do plan de humanizacións, melloras e transformacións que está a executar o Concello en diferentes lugares de Meaño. Súmase ás actuacións xa realizadas na contorna das igrexas de Simes e Lores e da capela das Angustias en Xil, así como da contorna dos centros educativos, a semicircunvalación, a contorna nova praza e dun tramo en Ameiró en Dena. Tamén se humanizaron o vial de acceso á igrexa de Padrenda e a zona de hostalería de Cobas. 

O alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, explica que están traballando, transformando e executando este ambicioso plan de humanizacións de contornas en distintos lugares do concello con importantes investimentos, "mellorando así a calidade da nosa rede viaria e sobre todo dotándoa de seguridade, tanto para o tráfico como para os peóns"