O grupo provincial do Partido Socialista na Deputación de Pontevedra ofreceu este xoves unha rolda de prensa na que a súa portavoz, Ana Laura Iglesias, expresou a crecente preocupación polas irregularidades que, segundo denunciaron, están a cometerse desde o goberno provincial, especialmente na área de persoal.
Iglesias subliñou que, desde a chegada do Partido Popular ao goberno hai case tres anos, o PSOE se temía o retorno a prácticas cuestionables como as que, segundo dixo, marcaran a xestión desta institución durante as décadas en que gobernou o PP.
Entre as acusacións máis graves destacan "purgas, colocacións a dedo, alteracións de procesos selectivos, incumprimentos da normativa ou contratacións, cando menos, escandalosas", asegurou.
A portavoz socialista denunciou que estas accións se realizan abertamente, "non se esconden porque deben pensar que, de novo, con eles no poder todo vale e que son impunes" dentro da Deputación, onde "é un clamor o que está a pasar".
Un dos casos sinalados polo grupo socialista é a "persecución" do secretario provincial, Carlos Cuadrado, funcionario de maior rango e responsable de velar pola legalidade na institución.
Segundo manifestou Ana Laura Iglesias, tras presentar reiteradamente escritos ante o presidente Luís López alertando sobre irregularidades nos procesos selectivos, Cadrado viu denegada a prórroga da súa praza, unha medida usual ata agora e que coincidiu coas súas denuncias internas. O PSOE considera esta actuación unha "represalia directa" e remitiu toda a documentación dispoñible á Fiscalía para que se investigue a posible comisión dun delito de tráfico de influencias.
Paralelamente, o secretario interpuxo unha demanda xudicial contra a Deputación, reclamando máis de 125.000 euros, cuestión sobre a cal os socialistas preguntan se o presidente da administración provincial Luís López asumirá persoalmente esa responsabilidade económica.

Outra denuncia do PSOE céntrase no nomeamento de Monserrat Otero como directora da Asesoría Xurídica. Otero, coordinadora do réxime interno do Gabinete de Presidencia e esposa do xerente provincial do Partido Popular, viu incrementado o seu salario anual de 40.000 a 72.000 euros en apenas tres anos, tras unha serie de manobras administrativas que modificaron e melloraron a súa praza laboral de forma significativa. Os socialistas cualifican este ascenso de "escandalo" e de claro favoritismo partidista.
Por último, o PSOE criticou o nomeamento político de Agustín Reguera, exalcalde de Soutomaior e exdelegado territorial da Xunta en Pontevedra, para un posto creado ad hoc mediante a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT), que incrementa o custo salarial en máis de 17.000 euros anuais.
Segundo denuncian os socialistas, este nomeamento, aprobado inicialmente o 2 de xuño e formalizado o 3 de xuño, incumpriu o período legal de información pública de 15 días hábiles, saltándose así garantías administrativas esenciais e vulnerando os dereitos de control da oposición e cidadanía. Por iso, o grupo socialista presentou alegacións solicitando a paralización cautelar dos efectos administrativos e económicos do nomeamento e a revisión do proceso completo.
Ana Laura Iglesias concluíu advertindo ao presidente Luís López e ao goberno do Partido Popular que non permitirán que se goberne mediante feitos consumados que ignoran os procedementos legais e o control democrático.
A cidadanía, afirmou, está "farta dunha forma de gobernar que antepón os intereses políticos do goberno do Partido Popular da Deputación por encima do respecto polas normas e polos cartos públicos", e esixiu un cumprimento rigoroso da legalidade en todos os nomeamentos e actuacións administrativas.

O goberno da Deputación defende a legalidade
O goberno da Deputación de Pontevedra saíu ao paso das críticas formuladas polo grupo provincial do PSOE sobre diversas incorporacións e cambios de persoal na institución, asegurando que todas as actuacións realizadas durante o actual mandato se axustaron á normativa vixente e se desenvolveron con "luz e taquígrafos".
Nun comunicado, o executivo provincial sostén que o propio grupo socialista recoñeceu que os procedementos se levaron a cabo con transparencia. Así mesmo, defende que a decisión de non prorrogar as funcións do anterior secretario da Deputación responde a unha medida "lexítima e xustificada", de carácter excepcional, enmarcada na adaptación da estrutura de persoal ao novo contexto dixital.
En relación coa incorporación de Agustín Reguera ao gabinete da Presidencia, o goberno provincial lembra que se trata dunha incorporación ordinaria derivada da modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT), aprobada no seu momento coa abstención do grupo socialista.
Respecto ao nomeamento da xefa do Servizo de Asesoría Xurídica, a Deputación asegura que a praza foi cuberta conforme aos procedementos establecidos e nas mesmas condicións retributivas que o resto das xefaturas de servizo da institución.
O executivo provincial tamén respondeu ás declaracións da voceira socialista sobre este último nomeamento, que cualifica de "lamentables ataques machistas" contra unha funcionaria da casa. Neste sentido, insta á representante do PSOE a pedir desculpas no vindeiro pleno provincial.
Na súa resposta, o goberno provincial contrapón a súa actuación á de anteriores etapas de goberno, facendo referencia ao denominado "caso cuñada" e á presenza de Leire Díez na institución, para afirmar que a actual dirección da Deputación se desmarca das "políticas de crispación e fango" e reafirma o seu compromiso coa transparencia e o rigor na xestión pública.