O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, anunciou este venres a retirada da dedicatoria que Leire Díez realizou no libro de honra da institución provincial en abril de 2022.
López deu a coñecer esta decisión durante a comparecencia posterior á Xunta de Goberno celebrada esta mañá.
Argumentou que a medida responde á necesidade de preservar a imaxe da institución provincial ante as informacións coñecidas nas últimas semanas sobre a antiga responsable de Relacións Institucionais de Correos.
Segundo explicou o mandatario provincial, a firma foi estampada o 26 de abril de 2022 con motivo da presentación dun selo conmemorativo dedicado á catedral de Tui.
Naquel acto, Leire Díez era a directora de Relacións Institucionais e Filatelia de Correos e foi recibida pola entón presidenta da Deputación, Carmela Silva, actualmente concelleira no Concello de Vigo e presidenta do PSdeG.

O presidente provincial xustificou a retirada da dedicatoria ao considerar que Díez non debe seguir figurando entre as personalidades que deixaron constancia do seu paso por unha institución que representa á provincia de Pontevedra. "Eu non o podo permitir porque é un bochorno como provincia", dixo López.
Durante a súa intervención, o presidente da Deputación aludiu ademais ás investigacións xudiciais e ás informacións publicadas sobre a exdirixente de Correos á que se referiu como "fontaneira das cloacas do PSOE", aínda que estes procedementos continúan o seu curso e non existe unha resolución xudicial firme sobre os feitos mencionados.
A decisión anunciada pola Deputación supón a retirada dunha firma incorporada ao libro de honra hai máis de catro anos, unha medida que o actual goberno provincial enmarca na defensa da imaxe e o prestixio da institución.
"Non merece nin un minuto máis estar entre as persoas que xa honraron coa súa presenza e coa súa firma a esta casa", insistiu.
No mesmo acto, o presidente da Deputación dirixiu críticas ao goberno municipal de Vigo e ao Partido Socialista de Galicia, reclamando explicacións sobre a relación institucional mantida con Díez durante a súa visita á provincia en 2022.
"Tiñan coñecemento daquela da súa actividade?, pensa dar algún tipo de explicación aos vigueses á provincia ou pedir desculpas?" preguntou o presidente provincial. "Eu espero que dean unha resposta o mais inmediata posible", concluíu.