A corporación non descansará en agosto

Pontevedra
14 de xullo 2016

A diferenza dos últimos anos, a corporación municipal non terá vacacións en agosto. Os concelleiros, polo menos aqueles que se tomen uns días de descanso, deberán volver ao traballo antes de tempo para preparar o pleno que se celebrará, previsiblemente, o día 22 de agosto no Teatro Principal. Así se acordou na Xunta de Voceiros deste xoves

Pleno da corporación municipal de Pontevedra no Teatro Principal
Pleno da corporación municipal de Pontevedra no Teatro Principal / Mónica Patxot

A diferenza dos últimos anos, a corporación municipal non terá vacacións en agosto. Os concelleiros, polo menos aqueles que se tomen uns días de descanso, deberán volver ao traballo antes de tempo para preparar o pleno que se celebrará, previsiblemente, o día 22 de agosto no Teatro Principal. Así se acordou na Xunta de Voceiros deste xoves.

Os partidos optaron por manter o pleno de agosto ante os numerosos asuntos que desexan tratar, aínda que todos rexeitan que teña que ver coa proximidade das eleccións autonómicas, previstas para o próximo mes de outubro.

Antes deste pleno, a corporación deberá celebrar a sesión ordinaria correspondente ao mes de xullo, ao que irán asuntos de gran importancia como a aprobación do convenio entre o Sergas e o Concello para a ampliación de Montecelo, a disolución do Instituto Municipal de Deportes (IMD) ou a modificación puntual do PGOU que permitirá abrir un polígono comercial no Vao (Campañó).

O resto da orde do día son mocións. O BNG presentará catro. Dous delas para instar a Fomento e á Xunta de Galicia a reformar a PO-546, coñecida como a estrada vella a Marín, e a N-550 ao seu paso por Salcedo. Ademais, propoñerán a adhesión de Pontevedra ao Plan Revitaliza que impulsa a Deputación en materia de compostaxe e instarán o Goberno a actuar na antiga Comandancia da Garda Civil en Casimiro Gómez.

Outras catro mocións chegarán da man de Marea. Tras retiralas dun pleno anterior, a formación volverá tentar que o Concello rescate os contratos de abastecemento de auga e recollida de lixo, unha vez conclúan os actuais en 2017. Tamén pedirán que Pontevedra se adhira a un programa de apoio ao colectivo LGTBI e que se complete a reforma urbana en Santa Clara ata a rúa Pai Gaite.

O PSOE, pola súa banda, pedirá que se estableza unha taxa para as empresas de telefonía móbil que operan na cidade e instará o alcalde a mediar para que os cines de Vialia permitan a entrada con comida aos diabéticos; mentres que o PP reclamará a reapertura do bar do campo da Xunqueira e que policías en segunda actividade encárguense da vixilancia do SPAD de Valentín García Escudeiro e a Casa Azul, en lugar de contratar a unha empresa.