O vindeiro xoves 21 de abril celebrarase o pleno ordinario do mes de abril do Concello de Pontevedra, que tería que convocarse para este luns.
A Xunta de Portavoces pechou hoxe a orde do día desta sesión plenaria na que haberá dúas declaracións institucionais pactadas por unanimidade.
Por unha banda, a corporación municipal expresará o seu respaldo ás demandas da plataforma de afectados pola redución de servizos de media distancia de Renfe en Galicia, que reclama mellores horarios e máis frecuencias nas liñas Vigo-Coruña e Ourense-Santiago-Coruña.
O Concello de Pontevedra fará súas as peticións deste colectivo que reivindica un abaratamento do prezo destes traxectos e que funcionen como un tren de proximidade que dea servizo específico ás cidades galegas atendendo as necesidades reais dos usuarios.
Outra das declaracións institucionais expresará o apoio do Concello de Pontevedra á reclamación dos familiares dos falecidos no naufraxio do pesqueiro Villa de Pitanxo que piden ao Goberno que atenda o compromiso adquirido de localizar e baixar ao pecio.
Ademais o Partido Popular defenderá tres mocións políticas, unha referida á mellora do servizo de recollida de lixos no rural, outra solicitando un plan estratéxico para potenciar o polígono empresarial do Campiño e a última reclamando ao goberno local que habilite unha liña de axudas de ata 600 euros para reducir a factura enerxética ás familias vulnerables do municipio.