A Corporacion provincial pide unanimemente a homologación do título de cantería

Pontevedra
14 de setembro 2019

A Corporación provincial votou por unanimidade a moción presentada polo Grupo provincial do Partido Popular sobre a Escola de Cantería. Así, a Deputación de Pontevedra acordou instar o Goberno central a crear unha titulación de formación profesional que se axuste aos ensinos de cantería e mestre de cantería, dirixida á produción e restauración artística, así como a súa contribución e aplicación á arquitectura.

Pleno da Deputación de Pontevedra
Pleno da Deputación de Pontevedra / PontevedraViva

A Corporación provincial votou por unanimidade a moción presentada polo Grupo provincial do Partido Popular sobre a Escola de Cantería. Así, a Deputación de Pontevedra acordou instar o Goberno central a crear unha titulación de formación profesional que se axuste aos ensinos de cantería e mestre de cantería, dirixida á produción e restauración artística, así como a súa contribución e aplicación á arquitectura.

O vicepresidente da Deputación, o nacionalista César Mosquera valorou que "esta moción non resolve o problema. Tampouco vai facer mal, pero non resolve o problema".

Pola súa banda, o portavoz do Partido Popular, Jorge Cubela agradeceu este apoio e apuntou que "no futuro se queremos falar de transferencias, pois  sentémonos e falemos".

REGULAMENTO DO MUSEO

O Pleno tamén aprobou o novo regulamento do Museo de Pontevedra que incorpora a figura do órgano asesor conformado por persoas de "recoñecido prestixio". "Creo que é unha moi boa solución a tenor do que se viu noutros organismo e pola experiencia anterior", valorou o vicepresidente da Deputación, César Mosquera.

O vicepresidente e responsable político do Museo de Pontevedra sinalou que foron "bastantes escasas" as alegacións presentadas no período habilitado e reprochou que tampouco houbese achegas políticas por parte da oposición.

O Partido Popular votou en contra do novo regulamento solicitando a súa retirada da orde do día ao obxectar a existencia de "bastantes lagunas" neste regulamento. A portavoz do grupo provincial do PP,  Pepa Prado preguntou se a "sociedad pontevedresa" vai estar representada neste consello asesor ou será unha "dedocracia" elixida polo director do Museo.

"Queremos que haya más transparencia más claridad en este asunto" reclamou o PP que acusou ao goberno provincial de "no tener claro" que é o que queren facer co Museo.

Pola súa banda o portavoz do grupo provincial do PSOE, Carlos López Font cualificou de "ridículos" os argumentos esgrimidos polos populares e censurou que o PP fale de " dedocracia" ao referirse ao Museo de Pontevedra "después de la gestión que han hecho de esa institución durante años".

CAMPAÑA EMERXENCIA FEMINISTA

Os deputados do Partido Socialista e do BNG votaron a favor de que a Deputación apoie a Campaña Emerxencia Feminista, impulsada en todo o Estado por organizacións de mulleres.

A aprobación desta moción, presentada polo grupo socialista, reflectirase en distintas accións por parte da Deputación que abarcan desde o posicionamento público da institución ata a iluminación do Pazo Provincial en cor violeta na noite do 20 de setembro, aínda que o máis importante é o compromiso de incrementar o diñeiro destinado no orzamento para o próximo ano á loita contra as violencias machistas.

O BNG presentou unha emenda na que se insta á Xunta a destinar máis fondos a este fin motivo polo que o Partido Popular decidiu votar en contra deste punto tras solicitar a retirada deste engadido.