A COVID-19 reduce nun 85% a taxa de trasplantes de órganos realizados desde marzo

Pontevedra
03 de xuño 2020

Eugenio Sánchez, portavoz de Alcer Pontevedra, fai un chamamento para favorecer as doazóns de órganos con motivo da celebración este mércores 3 de xuño do Día Mundial do Doante de Órganos

Imaxe da campaña de Alcer con motivo do Día do Doante de Órganos
Imaxe da campaña de Alcer con motivo do Día do Doante de Órganos

As persoas que están pendentes do transplante dun órgano están incluídos nos denonimados grupos de risco ante a COVID-19. É o caso de Eugenio Sánchez, portavoz de Alcer Pontevedra, quen non deixou de acudir ás sesións de diálises desde que se decretou o estado de alarma.

Explica que as medidas de protección, hixiene ou esterilización aumentáronse, pero non estiveron exentos de dificultades, por exemplo no transporte, xa que para chegar ata o centro sanitario correspondente non era posible compartir unha ambulancia como o facían con anterioridade e recomendóuselles, na medida do posible, viaxar cos seus propios medios de forma independente.

Agora, aliviadas as medidas de confinamento, Eugenio segue mantendo a 'garda alta', protexéndose, e lamenta - como puido ver - que hai persoas que se están relaxando demasiado as recomendacións de prevención, poñendo en risco a vida de terceiras persoas, como a súa.

Así que protexéndose, desde o seu domicilio e non de forma presencial, este ano segue lembrando a necesidade de promover a doazón de órganos: "o día que nos imos temos unha serie de órganos que permiten que outra persoa poida seguir vivindo mellorando a súa calidade de vida, ou mesmo que continúe vivindo".

Segundo os datos que ofrece a Federación Alcer, a pandemia provocada pola COVID-19 supuxo que os transplantes de órganos reducíronse en España un 85% desde marzo, realizándose unicamente os urxentes.

Falta de espazos nas UCI, a prioridade entre médicos intensivistas para enfermos de coronavirus, evitar que os receptores fosen poboación de maior risco do que xa presentan e a diminución de doantes - posto que as persoas falecidas pola COVID-19 non eran válidas para doar - son as circunstancia que dan como resultado a redución dos transplantes.

Eugenio Sánchez espera que esta conxuntura non supoña un retroceso nas doazóns futuras, máxime cando en Galicia o ano pasado, reducíronse ostensiblemente as negativas de familiares para permitir a doazón de órganos e dado que se non existe un testamento vital son eles os que ten a última palabra ante a vontade manifestada previamente polo falecido.

Ademais de concienciar sobre a necesidade de doar órganos, a Federación Galega de Asociacións para a Loita Contra as Enfermidades do Ril, aproveita esta data do 3 de xuño para lembrar que seguen facendo fronte a outras vicisitudes como é a diferenza coa que as comunidades autónomas aplican o baremo para determinar o grao de discapacidade e onde "Galicia non está entre as mellores". Ou na parte que incumbe aos doantes de ril en vida, a quen non se lles recoñece a incapacidade laboral temporal. 

ACTIVIDADES

Tendo en conta a limitacións actuais, as actividades que promoven levan ás redes sociais e as súas webs, de forma que nestes espazos informarán como facerse doante de órganos, difundirán un vídeo sobre a importancia dos transplantes, publicarán imaxes dos socios que se sumaron á campaña # DonarEsAmar e tamén haberá carteis da Federación  Alcer en espazos públicos.