A Cruz Vermella de Pontevedra atendeu máis de 115 persoas sen teito en 2015

Pontevedra
15 de abril 2016

Das persoas atendidas, 104 eran homes e 15 mulleres. 47 persoas entraron en contacto o pasado ano con este servizo por primeira vez

Voluntarios de Cruz Vermella
Voluntarios de Cruz Vermella / PontevedraViva

A Cruz Vermella de Pontevedra, a través do equipo de Sen Teito, atendeu a 119 persoas, 104 homes e 15 mulleres, durante 2015. De todas elas, 47 entraban en contacto con este servizo por primeira vez.

Este proxecto tenta mellorar a calidade de vida das persoas que viven na rúa para ofrecerlles apoio a través de atención integral, promovendo que as persoas poidan cambiar de hábitos. Este equipo traballa tanto na rúa como na sede e explica a estas persoas sen teito os distintos servizos sociais de atención co que poden contar.

28 persoas dentro deste programa melloraron as súas condicións de vivenda e comezaron a residir nunha pensión ou en habitacións realquiladas de pisos compartidos, debido a que melloraron a súa condición económica. Outros se incorporaron a programas de rehabilitación existentes na cidade ou en centros de atención social, segundo informa a Cruz Vermella. Tamén algunhas destas persoas comezan a percibir algunha axuda económica de carácter periódico.

O proxecto conta cun equipo de voluntarios que levan a cabo o traballo na rúa. Nestas saídas entréganselle zumes, cafés, chocolates ou caldos, ademais de bolería. Durante 2015 realizáronse 52 saídas coa atención de 12 persoas, a través da axuda de 16 voluntarios. Ao mesmo tempo, puxéronse en funcionamento os Talleres de Lecer nos que participaron 17 persoas.