Para o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a sentenza da Audiencia Nacional que anulou a prórroga concedida á fábrica de Ence ata 2073 é un "fracaso estrepitoso" do "cambalache ilegal" orquestrado entre o PP e a empresa.
Tras coñecer esta resolución xudicial, Fernández Lores responsabilizou "especialmente" desta situación ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; ao expresidente do Goberno, Mariano Rajoy; e aos responsables do PP de Pontevedra.
Todos eles, en conivencia cos directivos da empresa pasteira, "puxeron en perigo" a actividade da fábrica pontevedresa e os seus postos de traballo "por non buscar a única solución lóxica e legal" que, ao seu xuízo, era o traslado a outra localización "como garantía de futuro".
O rexedor pontevedrés, que lembrou que desde o Concello "sempre consideramos ilegal esa prórroga", lamentou que a empresa e o PP tentasen "enganar" á sociedade pontevedresa e aos traballadores "mediante unha fraude de lei".
A este respecto, o alcalde fixo un chamamento á dirección da empresa e a Núñez Feijóo para que "deixen de enganar a todo o mundo" e comecen a traballar na "única solución posible" que, segundo reiterou, pasa pola saída da fábrica da ría de Pontevedra.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.