Cada vez son máis os barcos que queren atracar no porto deportivo de Sanxenxo. Así o reflicten os datos da demanda de prazas de alugueiro, que experimentou un aumento dun 40% con respecto ao ano 2023.
A boa tendencia do ano mantense na época estival co 100% das prazas cubertas no mes de agosto, mesmo con lista de espera, e co 50% da ocupación en xullo. No caso das prazas de motos de auga, para o mes de xullo están ao 90% e para agosto ao 100%.
En canto ao tránsito, durante o primeiros cinco meses do ano, recalaron o porto xestionado pola empresa Nauta Sanxenxo un total de 74 embarcacións de quince países diferentes.
Ademais de contar con 34 barcos de bandeira española, elixiron este porto quince franceses, seis ingleses, dous belgas, un canadense, un caimanés, tres daneses, un alemán, tres irlandeses, un italiano, un marshalés, tres neerlandeses, un noruegués e un sueco.
O porto conta cunha superficie total de máis de 123.000 metros cadrados e as súas instalacións comprenden unha lámina de auga de 90.000 metros cadrados, 450 puntos de amarre e máis de 25.000 metros cadrados de espazo peonil.
Nauta Sanxenxo continúa percibindo o interese crecente polo alugueiro de amarres para todo o ano, especialmente de barcos de eslora de máis de 12 metros, é dicir, iates xa dunha certa envergadura e tamaño.