Familias de escolares de cuarto curso do CEIP Praza de Barcelos desprazábanse este xoves ata o Parlamento autonómico, onde os recibía a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón e o deputado nacionalista delegado de Educación, Manu Lourenzo.
Estes representantes políticos rexistraron na sede parlamentaria galega unha iniciativa esixindo que se recupere a aula suprimida este curso e que supón axuntar a vinte e tres menores nunha mesma clase. Esta demanda leva parella a dotación do persoal necesario para que se reabra dita aula.
Ana Pontón expuxo que "cada día son máis os problemas como os do CEIP Barcelos, o que se evidencian en todo o país. A Xunta debe contratar máis profesorado de forma inmediata para atallar estes problemas. Non se entende que en Infantil e Primaria non se esixan nin sequera distancias de seguridade. Son momentos de estar á altura e a Xunta debe actuar con responsabilidade para poñer todas as medidas necesarias que garantan a seguridade dos nosos nenos e nenas".
Pola súa banda, estes proxenitores cuestionaban que "ante unha situación na que seguridade nos centros de ensino esixe reducir os reducir as ratios, no noso centro lonxe de reducirse, dóbranse".