A democracia directa será un dos piares do programa electoral de Lores

Pontevedra
03 de decembro 2014

Fernández Lores asegurou que no BNG están "satisfeitos e orgullosos do que temos feito, pero o mellor está por vir", e mostrou a súa vontade de dar "un salto adiante" e avanzar en cuestións como a mobilidade, a calidade urbana, os servizos, a descentralización administrativa, a mellora dos barrios e parroquias, para o que citou como "fundamental" a necesidade de contar coa participación social

Membros da candidatura do BNG ao concello de Pontevedra
Membros da candidatura do BNG ao concello de Pontevedra

O BNG de Pontevedra celebrou este mércores unha reunión preparatoria dos comicios municipais.

Segundo explicou o candidato á reelección, Miguel Anxo Fernández Lores, o encontro serviu "para coñecernos mellor, debater e afondar nas cuestións que conformarán o programa electoral".

Fernández Lores asegurou que no BNG están "satisfeitos e orgullosos do que temos feito, pero o mellor está por vir", e mostrou a súa vontade de dar "un salto adiante" e avanzar en cuestións como a mobilidade, a calidade urbana, os servizos, a descentralización administrativa, a mellora dos barrios e parroquias, para o que citou como "fundamental" a necesidade de contar coa participación social.

Trátase dunha "cuestión de principios" dixo o líder nacionalista convencido de que a democracia directa, integrando o cidadán nas decisións que son adoptadas, é unha fórmula que garante o éxito dos proxectos. E puxo como exemplos o programa Noites Abertas e a Feira Franca, onde a programación está en mans dos pontevedreses que se involucran na súa organización.

Fernández Lores expresou o seu desexo de que os presupostos municipais sexan máis participativos, "pero se eu non teño a maioría abondo para aprobar os orzamentos teño que debatelos con quen me permita unha maioría para poder aprobalos".

De conseguir o Bloque unha "maioría suficiente", Fernández Lores propuxo "avanzar ao máximo nesa participación dos cidadáns na política municipal".