A demolición das piscinas de Campolongo comezará o próximo luns

Pontevedra
02 de abril 2019

Xa se repartiu entre clubs deportivos da cidade os aparellos de musculación, bicicletas e outros materiais que van ser renovados. Nestes días están a retirarse aluminios e ferralla para reutilización e tamén se instalou o valado de protección

Piscinas de Campolongo
Piscinas de Campolongo / Mónica Patxot

O luns da segunda semana de abril comezarán os traballos de demolición das actuais piscinas de Campolongo para dar paso ao novo proxecto do complexo deportivo. Este domingo ao mediodía pecháronse as portas das instalacións.

O portavoz do goberno local, Raimundo González, informaba este martes de que xa se baleirou o actual recinto do material que se utilizaba para as actividades deportivas como aparellos de musculación, bicicletas estáticas ou material de control cardiovascular. Todos eles foron doados a distintas asociacións e clubs deportivos do municipio.

Durante esta semana retiraranse os ferros e os aluminios das instalacións para a súa reciclaxe ou reutilización. Acoutouse a zona cun valo de protección para o comezo da actividade máis complexa durante a próxima semana.

As novas instalacións deberán abrirse antes do 1 de outubro e cun investimento de 4,5 millóns de euros este espazo quere converterse nun gran centro deportivo, de propiedade municipal, no centro da cidade.