A denuncia dunha menor por abuso sexual do seu padrasto, na recta final cinco anos despois: vista para sentenza

Pontevedra
14 de outubro 2021

Este xoves terminou na Audiencia Provincial o xuízo, no que a Fiscalía e a acusación particular consideran que o relato da vítima quedou "sobradamente acreditado". A menor e a súa nai recibiron o apoio do Colectivo Feminista de Pontevedra a ritmo de batucada

Segunda concentración do Colectivo Feminista de Pontevedra en apoio a Olga e a súa filla
Segunda concentración do Colectivo Feminista de Pontevedra en apoio a Olga e a súa filla / Mónica Patxot

A denuncia presentada por unha moza pontevedresa no ano 2018 por un suposto caso de abuso sexual encara finalmente a renda final. Cinco anos despois dos feitos, tres despois da denuncia, e tras dúas suspensións anteriores, este xoves o xuízo quedou visto para sentenza, a expensas da decisión do tribunal da sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra

A nova, que agora xa é maior de idade, denunciou que cando tiña 14 anos, sufriu tocamentos e relacións sexuais completas non consentidas co que entón era marido da súa nai e pai das súas irmás, e persoa coa que convivía e ao que consideraba da familia. O seu relato resultou plenamente crible para a Fiscalía, que pide para o acusado unha condena de 15 anos e 9 meses de prisión. A moza e a súa nai tamén tomaron parte na causa e adhírense ao que pide o fiscal. 

Como xa sucedeu na primeira sesión do xuízo, o pasado 5 de outubro, a vítima e a súa nai recibiron o apoio do Colectivo Feminista de Pontevedra, que se concentrou ás portas da Audiencia Provincial. Nesta ocasión, tamén se desprazou á sede xudicial o grupo de batucada, que puxo ritmo á protesta, coa que quixeron apoia á vítima e deixar claro que "se tocan a unha, tócannos a todas". 

O movemento feminista insiste en que estará a apoiar a todas as mulleres que o necesiten, neste caso, ademais, necesítao, pois na primeira sesión do xuízo mesmo sufriu un ataque de ansiedade polo que tivo que suspenderse a súa declaración.

A sesión deste xoves foi breve, apenas dúas horas, e volveu celebrarse a porta pechada para garantir a identidade da vítima. Ao seu termo, o fiscal e a acusación particular elevaron a definitivas as súas conclusións provisionais, polas que consideran ao acusado autor de catro delitos de abuso sexual e un delito continuado de abusos sexuais, delitos que o movemento feminista considera que deberían ser considerados agresión sexual ou violación. A defensa pide a súa libre absolución

O xuízo tivo que retomarse este xoves para tomar declaración a unha testemuña da acusación que se conectou por videoconferencia e a un perito de parte da defensa. Ao termo da sesión, a avogada da vítima, Sonia Castelo, evitou manifestarse sobre o resultado do xuízo, a expensas da decisión do tribunal, pero si insistiu en que tanto ela como o fiscal, Juan Carlos  Aladro, indicaron nas súas conclusións finais en que a proba practicada durante o xuízo acredita a denuncia da vítima

Así, lembra que nos casos de abuso sexual habitualmente non adoita haber moita posibilidade de achegar probas porque ese trato de delitos cometidos na intimidade do domicilio familiar, pero neste caso si existe "bastante prueba documental, entre ella, whatsapp extraídos de las conversaciones con el acusado" e, ademáis, existen "una pericial y testigos de referencia" que resultan concluíntes e confírmase "coherencia entre la declaración de la víctima y los testigos".

"Podemos dicir que houbo sorte porque non habitual que neste tipo de delitos haxa tanta proba", insiste a letrada, que lembra que no seu informe o fiscal concluíu que a acusación "quedaba sobradamente acreditada".

Ademais, declarou na vista un perito especialista en delitos sexuais sobre menores que conclúe que  "la sintomatología de la víctima coincide con la que derivada de un acoso sexual". Este experto, que toma parte dun programa posto en marcha pola Xunta de Galicia e, é por tanto, dunha entidade pública e non de parte, tratouna en 25 ocasións con posterioridade e chegou a esas conclusións.  

A vítima sostén que os feitos comezaron no verán do ano 2016. O primeiro día, aproveitando que a súa nai foise cedo a traballar, o acusado pediulle que se deitase na cama matrimonial e alí, manoseouna. Os tocamentos repetíronse varias veces e mesmo nunha ocasión na que a fillastra "bebera en exceso", segundo a Fiscalía, cando ela estaba deitada e "sen permiso da menor e movido polo ánimo de satisfacer os seus desexos sexuais" mantivo relacións sexuais con ela.