A Deputación abordará nunha xornada os "retos máis importantes do turismo: sostibilidade e dixitalización"

Pontevedra
18 de novembro 2021

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este xoves as cuartas xornadas TurisTIC que teñen por obxectivos impulsar a competitividade do sector turístico e incrementar a aposta por solucións tecnolóxicas para mellorar a súa xestión, accesibilidade e sustentabilidade. A cita será o próximo día 2 de decembro no Museo de Pontevedra

Carmela Silva en rolda de prensa
Carmela Silva en rolda de prensa / Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este xoves as cuartas xornadas TurisTIC que teñen por obxectivos impulsar a competitividade do sector turístico e incrementar a aposta por solucións tecnolóxicas para mellorar a súa xestión, accesibilidade e sustentabilidade.

A cita será o próximo día 2 de decembro no Museo de Pontevedra. 

"Teremos unha visión global dos retos máis importantes do turismo: sostibilidade e dixitalización", avanzou a presidenta provincial. 

Ademais divulgarase a Carta de Dereitos Dixitais elaborada por un grupo de expertos convocado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital como marco de referencia para garantir os dereitos da cidadanía na nova realidade dixital.

TurisTIC é unha iniciativa, enmarcada nas liñas do Plan estratéxico de turismo, para seguir apostando por un turismo de calidade, sostible e innovador, que se referenda coa nova posición da  Deputación de Pontevedra como única entidade galega que é integrante da Comisión Executiva da Rede Nacional de Destinos Turísticos Intelixentes, organismo que definirá o modelo de turismo do futuro.

A xornada estará presentada por Yolanda Vázquez e contará con profesionais do sector turístico e novas tecnoloxías en 2 mesas redondas sobre "Turismo responsable na nova normalidade" e "O protagonismo do dato no novo ecosistema turístico".

Ademais programouse a conferencia "Hiperpersonalización para un territorio intelixente e sostible" a cargo de Esther Rodríguez, cofundadora de  My  Street  Book. Esta arquitecta de formación, é tamén investigadora na Universidade Politécnica de Madrid, desenvolvendo sistemas intelixentes para a edificación e coordinando propostas europeas de I+D+i. Ten importantes recoñecementos e foi seleccionada na lista Business  Insider de 2019 das "29 españolas menores de 35 anos chamadas a revolucionar a tecnoloxía, finanzas e política", segundo destacou Carmela Silva.