A Deputación acepta a proposta dos novos GES

Umia
10 de novembro 2020
Actualizado: 18:31

O deputado provincial Carlos López Font anunciou a posición favorable da Deputación á proposta sobre os novos emprazamentos dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) en A Lama e Moraña e instou á Xunta a convocar "de forma inmediata" á Comisión de Seguimento para pechar a decisión

Visita de Rueda ao GES de Sanxenxo
Visita de Rueda ao GES de Sanxenxo / Xunta de Galicia - Arquivo

O deputado provincial Carlos López Font anunciou a posición favorable da Deputación á proposta sobre os novos emprazamentos dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) en A Lama e Moraña e instou á Xunta a convocar "de forma inmediata" á Comisión de Seguimento para pechar a decisión.

López Font advertiu ao goberno galego que "en cuestións que teñen que ser financiadas por ambas as dúas administracións, é a última vez que imos permitir que a Xunta o faga de xeito unilateral, sen pactar previamente as propostas. Se isto volve a ocorrer, engadiu o deputado, non asistiremos ás convocatorias que se fagan. Democracia, dixo, é acordar as decisións con anterioridade, e non actuar pola vía dos feitos e da imposición, algo que cada día é máis habitual na Xunta de Galicia".

O deputado sinala que na Comisión de Seguimento proporán que O Grove entre no sistema dos GES fóra de convenios singulares ao entender que ao ser un istmo só se cubriría o seu territorio, "foi un compromiso de fai anos da propia Xunta e pediremos que o cumpran".

Carlos Font, que recordou que a administración provincial terá que facer un investimento de 112.000 euros por cada un dos novos GES, "e iso significa preto dun millón de euros que aportaría a Deputación de Pontevedra".

Finalmente mostrou a satisfacción do Goberno provincial "porque finalmente triunfara a nosa posición sobre a necesidade do modelo de isocronas que esta Deputación leva anos a defender para a provincia" e tachou de "ridícula e infantil a estratexia destes días nos que vimos un desfile circense e escalonado de cargos públicos do PP, para denunciar non sabemos que cousas, e que demostra ás claras a administración autonómica que temos".

A XUNTA APLAUDE A DECISIÓN DA DEPUTACIÓN

Pola súa banda, a Xunta de Galicia celebrou que a Deputación de Pontevedra acepte esta proposta presentada na comisión de seguimeto dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES), coa creación de tres novos grupos na provincia.

Natalia Prieto, a directora xeral de Administración Local, indica que este apoio da Deputación demostra que a propsta da Administración autonómica era correcta e responde a criterios técnicos de cobertura e de prestación de atención ás emerxencias. A representante da Xunta apela a seguir colaborando para ofrecer unha mellor atención e tempos de resposta para mellorar e completar o mapa de emerxencias.

O goberno galego indica que está a colaborar na dotación de equipamento aos servizos de emerxencias dos municipios con 15,3 millóns de euros na última década para os GES e as Agrupacións de voluntariado de Protección Civil.