O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu conta dos asuntos aprobados este venres na Xunta de Goberno, que acordou destinar 1,4 millóns de euros para a igualdade, o reto demográfico e o emprego, supoñendo estas últimas a activación das primeiras subvencións no marco do Plan Más Provincia.
En concreto, destínanse 125.000 euros ao contrato para impartir formación e xerar contidos audiovisuais para capacitar en competencias dixitais a persoas maiores de 50 anos nos concellos da Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Forcarei e Moraña.
A Deputación tamén aprobou este venres as bases das subvencións destinadas aos concellos e as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o fomento de oportunidades e a loita contra a violencia de xénero. En total, as subvencións ascenden a 460.000 euros, un 12% máis que o ano pasado.
A repartición é de 260.000 euros para os concellos e 200.000 euros para as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro. No caso dos concellos, as subvencións están destinadas aos municipios de menos de 20.000 habitantes cunha contía máxima de 6.000 euros para, entre outras cousas, impulsar actividades de sensibilización, formación e prevención de violencia machista. Tamén para proxectos de atención integral as vítimas de violencia de xénero e dos seus fillos e as persoas ao seu cargo, actividades para mellorar a formación e a orientación para o emprendemento e a inserción laboral das mulleres e logo tamén para que realicen campañas de difusión en materia de igualdade.
No que se refire ás entidades, destinan ata un máximo de 7.000 euros para cada solicitante. Isto supón un incremento, porque o ano pasado era un máximo de 6.000 euros para, entre outras cousas, atender integramente ás vítimas da violencia machista, os seus fillos e persoas dependentes ao seu cargo.
Por último, nesta Xunta de Goberno, a Deputación de Pontevedra aprobou máis de 800.000 euros que irán dirixidos a sete concellos da provincia para a contratación de 81 persoas desempregadas para traballar na conservación e mantemento de seus bens e servizos.
Luis López destacou que estas son as primeiras achegas do Plan Máis Provincia, "o programa récord de obras e servizos dirixidos a todos os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes".
No marco da liña 3 deste Plan, dirixida á activación de emprego, o Concello de Arbo recibirá preto de 98.000 euros para que contrate a 13 persoas; Fornelos de Montes, 90.000 euros para 9 persoas; A Lama, 111.000 euros para outras 9 persoas; Moraña, 104.500 euros para 7 persoas; Poio preto de 200.000 euros para 19 persoas; Pontecesures preto de 82.000 euros para 5 persoas e Soutomaior preto de 119.000 euros para que contrate a 19 persoas desempregadas.