A Deputación adxudica a EC Casas a obra da glorieta e a mellora do acceso a Príncipe Felipe

Pontevedra
07 de marzo 2018

A constructora presentou unha oferta de 417.435,81 euros para unhas obras que deberán estar listas para outono

A Deputación adxudica a obra da glorieta e a mellora do acceso a Píncipe Felipe a Construcciones EC Casas
A Deputación adxudica a obra da glorieta e a mellora do acceso a Píncipe Felipe a Construcciones EC Casas / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra aprobará este venres en Xunta de Goberno a adxudicación da obra da glorieta e a mellora do acceso ao Príncipe Felipe a Construcciones EC Casas SL por un total de 417.435,81 euros. É unha redución de máis do 24% con respecto ao orzamento inicial de licitación.

Según o indicado polo vicepresidente César Mosquera, as obras teñen un prazo de execución de seis meses logo da sinatura do contrato, polo que deberán estar finalizadas no outono se non se producen complicacións.

As actuacións propostas para o acceso ao centro Príncipe Felipe teñen por finalidade potenciar e dinamizar unha contorna que actualmente presenta unha serie de carencias e inconvenientes para os usuarios do centro.

A actuación consistirá na construción dunha glorieta de dobre carril que regule a circulación viaria con pasos de peóns sobreelevados que obriguen aos vehículos a reducir a velocidade.

Os sistemas de iluminación contarán con 14 farois en total, 13 nos pasos de peóns e unha de 15 metros no centro da glorieta.

Ademáis realizarase un aparcadoiro privado para as persoas usuarias do centro e un muro de contención de terras perimetral ao aparcadoiro e iluminarase a zona con cinco proxectores de luz led.