A Deputación adxudica o proxecto de acondicionamento e rehabilitación do caserón da Finca de Areeiro

Pontevedra
07 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Liquidaranse os problemas de illamento e os danos estruturais que presenta actualmente a fachada do inmoble principal 

Estación Fitopatolóxica de Areeiro
Estación Fitopatolóxica de Areeiro

A Deputación de Pontevedra vai levar a cabo un proxecto de acondicionamento e rehabilitación no casarón da Finca Areeiro para liquidar os problemas de illamento e os danos estruturais que presenta actualmente a fachada do inmoble principal e que impiden desenvolver as actividades do centro coa salubridade, habitabilidade e seguridade adecuadas.

O contrato que se acaba de adxudicar por case 40.000 euros inclúe obras na planta baixa e nas fachadas este e sur da primeira planta. Restaurarase a estrutura dos elementos con danos importantes, impermeabilizarase o edificio e habilitarase unha beirarrúa con zócalo para evitar o contacto do terreo co muro da fachada, tamén se canalizarán as augas pluviais e substituirase a carpintería na planta baixa da fachada sur.

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, situada en Lourizán, pertence á Deputación desde 1963 e é un centro de investigación pioneiro en Galicia. Na súa actividade asesora ao sector agrícola en materia de sanidade de cultivos e investiga usos produtivos da camelia, principalmente o aceite e o té. Este último conta con rexistro de marca e desenvólvese un plan estratéxico para promover unha produción sostible do devandito cultivo. En 2023 os seus xardíns de camelia obtiveron a distinción de excelencia internacional.