A Deputación anuncia accións xudiciais contra Ángel Moldes polas súas "gravísimas e calumniosas" declaracións

Pontevedra
20 de setembro 2018

O deputado Carlos Font esixe ao voceiro do PP rectificacións públicas inmediatas "ante as indecentes acusacións e o cúmulo de falsidades vertidas en relación co destino dos fondos do Plan DepoRemse

Ángel Moldes, portavoz do PP na Deputación
Ángel Moldes, portavoz do PP na Deputación / Mónica Patxot

O deputado de cooperación Carlos Font comunicou este xoves a decisión da Deputación de Pontevedra de emprender de forma inmediata accións xudiciais contra o voceiro do grupo provincial do PP, Ángel Moldes, "tras as graves calumnias e falaces acusacións ao goberno, ao abeiro do destino dos fondos do Plan DepoRemse".

Font sinalou que o executivo ao fronte da institución "non vai a consentir ningún outro intento obsceno do voceiro popular para danar a honra de funcionarios ou políticos da Deputación de Pontevedra", polo que esixe a Moldes "a inmediata rectificación e desculpas públicas ante a vergoñenta catarata de falsidades vertidas esta mañá nunha comparecencia pública".

O deputado provincial cualificou de "absolutamente falso que exista un só informe da xefa do servizo de Cooperación favorable á inclusión no Plan DepoRemse do proxecto do concello de Marín, tal e como afirmou Angel Moldes en varias ocasións durante a súa comparecencia, senón todo o contrario", dixo o voceiro do goberno.

Carlos Font engadiu que "do resto das lamentables declaracións do voceiro do Partido Popular nin sequera imos a contestar porque converter a política nun estercoleiro e espallar todo de lixo é a especialidade do PP, é unha das súas sinais de identidade".