A Deputación aproba o convenio para a nova estrada de acceso a Monte Porreiro

Pontevedra
30 de setembro 2017

Segundo o vicepresidente César Mosquera, a institución provincial financiará o 70% da execución das obras mentres o goberno local aportará o 30% restante e o custe das expropiacións

Barrio de Monte Porreiro
Barrio de Monte Porreiro / Mónica Patxot

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou o convenio de colaboración co Concello de Pontevedra para crear a nova vía de acceso a Monte Porreiro. Segundo explicou o vicepresidente provincial César Mosquera, a Deputación levará a cabo a redacción e aprobación do proxecto, ademais do expediente expropiatorio e financiará o 70% da execución da obra, un total de 796.096 euros.

Pola súa banda, o goberno local de Pontevedra encargarase do 30% do orzamento, que rolda os 341.000 euros, pagará as expropiacións dos terreos necesarios por unha cantidade superior aos 439.300 euros e asumirá a licitación, dirección, execución e recepción das obras previstas.

Mosquera entende que é necesaria a dotación dun novo viario que asuma o tráfico que accede a Monte Porreiro paralelo ao río pola avenida de Buenos Aires. Esa nova estrada melloraría a seguridade viaria na zona e retiraría o tráfico actual que, segundo Mosquera, é improcedente e medioambientalmente agresivo na beira do río Lérez. A intención é que nesa contorna priorizar a mobilidade peonil e ciclista.

Os técnicos do Concello desenvolveron un anteproxecto no que se propón a construción dun novo acceso a Monte Porreiro polos Campos, aproveitando as infraestruturas actuais para o paso do tren de alta velocidade do mesmo xeito que a planificación do polígono da antiga parcela de Tafisa e o viario municipal actual.

O proxecto da Deputación, avaliado favorablemente polos técnicos municipais, deseña unha vía con tráfico acougado e itinerario peonil que dispoñerá de dous carrís de circulación, cunha beirarrúa na marxe esquerda e facilitará o acceso peonil ata o campus e ao barrio de Monte Porreiro. Minimízanse as expropiacións e na contorna dos Campos está prevista a urbanización da área pública municipal e a reordenación do tráfico.

O proxecto ten un orzamento de 1.137.280 euros cun prazo de execución de 9 meses ao que hai que sumar as expropiacións de preto de 8.000 metros cadrados, dos que 367 son de titularidade pública. O orzamento das expropiacións ascende a 439.393 euros. O prazo límite de execución será o 31 de decembro de 2019.

Agora só queda que a Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra o aprobe para que o convenio sexa asinado pola presidenta provincial Carmela Silva e o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.