A Deputación aproba o convenio para dotar dunha senda peonil á estrada O Marco-Tomeza-Figueirido

Pontevedra
11 de decembro 2023

A actuación estará financiada na súa totalidade pola institución provincial cun investimento superior aos 1,7 millóns de euros

Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra
Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

A Deputación acaba de dar luz verde ao convenio de colaboración co Concello de Pontevedra para mellorar a mobilidade na EP-0002 entre O Marco-Tomeza- Figueirido.

Segundo informou este luns en rolda de prensa o presidente da Deputación, Luis López, a Xunta de Goberno aprobou este convenio para acometer esta obra que ten un orzamento de 1,72 millóns de euros, dos que o 80% (1.38 millóns) corresponde á Deputación e o 20% restante (345.000 euros) ao Concello, encargado tamén de aportar os case 20.000 euros necesarios para as expropiacións. 

Malia iso, como explicou o presidente provincial, Luis López, "o Concello solicitou unha subvención para cubrir a súa aportación o que supón que é a Deputación quen financia o 100% da obra, os máis de 1,7 millóns de euros".

A obra se desenvolverá no tramo inicial de 2,5 quilómetros e transcorre por un treito do Camiño Portugués a Santiago de Compostela. 

O proxecto inclúe a pavimentación da estrada, a construción dunha senda peonil de formigón coloreado de 2,5 metros de ancho mínimo na marxe dereita da estrada e a implantación de zonas de convivencia onde non sexa posible acadar ese ancho. Ademais, mellorarase o sistema de drenaxe de augas pluviais e, no caso de que sexa necesario, reporanse os servizos afectados pola execución da obra.