A Deputación aproba outros 280.000 euros para o fomento do autoemprego

Pontevedra
29 de outubro 2017

A Xunta de Goberno aprobou os expedientes de contratación, mediante procedemento aberto, para a prestación do servizo de formación de persoas emprendedoras no marco do proxecto Depoemprende 2017 da convocatoria do fomento do autoemprego e para a formación enmarcada no proxecto Depoemprende II

Presentación do proxecto DepoEmprende
Presentación do proxecto DepoEmprende / PontevedraViva

A Deputación de Pontevedra deu un novo impulso esta semana aos proxectos para fomentar o autoemprego e  o emprendemento xuvenil. A Xunta de Goberno aprobou os expedientes de contratación, mediante procedemento aberto, para a prestación do servizo de formación de persoas emprendedoras no marco do proxecto Depoemprende 2017 da convocatoria do fomento do autoemprego e para a formación enmarcada no proxecto Depoemprende II.

Os programas Depoemprende 2017 e Depoemprende II teñen un orzamento total de preto dun millón de euros. Na última Xunta de Goberno aprobouse unha partida de preto de 280.000 euros.

Os dous proxectos teñen o obxectivo de reducir o desemprego mediante proxectos que fomenten a creación de emprego e o emprendemento, tanto a través de accións de formación como de asesoramento, entre outras moitas, que permitan ás persoas participantes desenvolver competencias emprendedoras.

As persoas participantes, tanto nos cursos do programa Depoemprende 2017 como Depoemprende II, recibirán formación apta para a consecución do certificado oficial de profesionalidade ADGD0210 “Creación e xestión de microempresas”, do módulo MF1788-3 de 'Planificación e iniciativa emprendedora en pequenos negocios e microempresas'.

Depoemprende 2017 oferta 120 prazas para todas as persoas desempregadas da provincia, dando prioridade ás menores de 30 anos, ás mulleres, aos maiores de 45 anos, persoas con algunha diversidade funcional ou persoas pertencentes a colectivos en risco de exclusión social. Depoemprende II oferta 135 prazas e está destinado a persoas desempregadas menores de 30 anos.