A Deputación aproba tres millóns de euros en axudas para 11 concellos

Barro
01 de abril 2022

Segundo informou en rolda de prensa o vicepresidente da Deputación, César Mosquera os municipios de Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Meaño, Moraña, Pontecesures, Porriño, Portas, Redondela e Silleda serán os beneficiarios destas subvencións do Plan Concellos

César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra
César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres en Xunta de Goberno, axudas por tres millóns de euros destinadas a once concellos da provincia.

Segundo informou en rolda de prensa o vicepresidente da Deputación, César Mosquera os municipios de Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Meaño, Moraña, Pontecesures, Porriño, Portas, Redondela e Silleda serán os beneficiarios destas subvencións do Plan Concellos.

Entre outros proxectos, para Cambados destínanse 371.448 euros para a mellora de camiños rurais; outros 81.298 euros son para que Portas realice o saneamento de augas residuais en Piñeiro e Currás; 77.309 euros para que Barro mellore o viario no lugar de Mane de Arriba e 107.894 euros para que Moraña pavimente camiños municipais. 

Do mesmo xeito, tamén se aprobaron dúas achegas para Caldas de Reis que suman 295.922 euros, unha partida de 95.025 para a subministración dun vehículo todoterreo con cesta elevadora para o alumado público e 200.897 euros cos que se ampliará a rede de saneamento no tramo O Pazo – Santa María. 

A Xunta de Goberno tamén aprobou unha achega de 159.342 euros para que Bueu adquira unha parcela para uso como estacionamento e servizo de caravanas e autocaravanas. 

Ademais a Deputación aprobou o proxecto de mellora da mobilidade peonil da estrada provincial EP-9302, que transcorre polo Concello de Meaño, que incorporará dous espazos de prioridade peonil coa construción de plataformas únicas sobreelevadas ao paso polos núcleos rurais de Broullón (Xil) e Aldea de Abaixo (Covas). 

As obras, que contarán cun orzamento de 375.468 euros, financiaranse cun convenio no que a Deputación achegará o 70% e a institución municipal o 30% restante. 

Trátase dunha estrada que comunica Xil, Cobas e Barrantes ao longo de 6 quilómetros e rexistra non só tráfico local, senón tamén de rango comarcal polo Salnés.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora