A Deputación aproba unha partida de 2'6 millóns de euros para o Plan Concellos

Pontevedra
24 de xullo 2020

No montante aprobado este venres inclúese, entre outros, o financiamento da próxima festa do carneiro ao espeto de Moraña e solicitudes municipais para recursos relacionados coa pandemia do coronavirus

Carmela Silva, presidenta da Deputación, na comparecencia posterior á xunta de goberno
Carmela Silva, presidenta da Deputación, na comparecencia posterior á xunta de goberno / Mónica Patxot

A Deputación de Pontevedra aprobou na xunta de goberno celebrada este venres destinar unha partida de 2'6 millóns de euros dentro do Plan Concellos. Este montante distribúese en tres liñas diferentes; na primeira, con 184.000 euros, os beneficiarios serán os Concellos de Cangas, Meis, Redondela e Sanxenxo. Destinaranse a actuacións de pavimentación de viais, saneamento, reposición de firmes, o acondicionamento dunha bancada para un campo de fútbol de Redondela e para a construción dun centro social en Sanxenxo.

Unha segunda liña, dotada con máis de 600.000 euros, dará resposta a solicitudes das administracións locais para recursos relacionados coa pandemia do coronavirus; concretamente limpeza e desinfección de espazos públicos, adquisición de máscaras e actividades culturais. Son un total de doce Concellos os que recibirían estas achegas: A Estrada, Cambados, Forcarei, Gondomar, A Guarda, Meis, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moaña, Oia, Poio e Ponteareas. Neste paquete de axudas inclúese a festa do carneiro de Moraña "que vai ser financiada con recursos da Deputación de Pontevedra", sinalaba a presidenta da entidade Provincial, Carmela Silva.

Un terceiro montante económico de case 300.000 euros ten como beneficiarios aos municipios de Campolameiro e Tui que poderán contratar a sete e dezaoito persoas respectivamente. Coa partida aprobada nesta ocasión, o Plan Concellos leva destinados preto de 24 millóns de euros aos municipios da provincia.

Tamén se aprobou un expediente de contratación de obras para o mantemento dos viais de titularidade provincial durante o ano o curso, cunha dotación económica dun 1.100.000 euros. Finalmente, quedou adxudicado o servizo de xestión integral do Centro Castro-Deza de Lalín por 109.000 euros.