A Deputación asume un "fallo no protocolo" no seu apoio á homenaxe a Millán Astray

Barro
04 de abril 2018

Carmela Silva quixo asumir "en primeira persoa" o "fallo no protocolo" que levou a colaborar coa Hermandad de Antiguos Caballeros Legionarios imprimindo 200 carteis nos que aparece o xeneral franquista Millán Astray facendo o saúdo fascista e no que se anuncian unhas manobras militares 

Carmela Silva amosa as solicitudes presentadas pola Hermandad de Antiguos Caballeros Legionarios
Carmela Silva amosa as solicitudes presentadas pola Hermandad de Antiguos Caballeros Legionarios

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, quixo asumir "en primeira persoa" o "fallo no protocolo" que levou ao organismo provincial a colaborar coa Hermandad de Antiguos Caballeros Legionarios imprimindo 200 carteis nos que aparece o xeneral franquista Millán Astray facendo o saúdo fascista e no que se anuncian unhas manobras militares no Concello de Barro.

"Non filtraron o cartel, deberíase facer, enviouse directamente á imprenta e estamos a revisar xa eses protocolos para que esa situación ou outras non volvan ocorrer", explicou a presidenta.

Carmela Silva apuntou que na Deputación de Pontevedra "no pasado facíanse con tanta regularidade este tipo de carteis que non sorprendeu a quen lle debería sorprender".

"Ante o cariz que está a tomar o tema" Carmela Silva decidiu comparecer ante a prensa porque "non vou permitir que o meu nome, nin o do Goberno, nin o desta administración, apareza ligado a ningún tipo de acto de exaltación do fascismo".

Explicou tamén que ata agora non quixo comparecer ante a prensa para falar deste asunto porque "me negaba a dar un minuto de publicidade" aos organizadores das chamadas Manobras simuladas Millán Astray en Barro "que o único que buscan é mais polémica para ter o seu tempo de gloria nos medios e non quería contribuír a iso". "Este tipo de persoas non merecen que lles prestemos ningún minuto de atención", comentou.

A presidenta provincial ha asegurado que "non vou consentir" que se siga tentando vincular á Deputación de Pontevedra e ao seu Goberno con eventos deste tipo "mediante falacias, chantaxes e ameazas" e engadiu "que quede claro a quen o pretende que non nos van a calar".

Carmela Silva remitiuse ao comunicado difundido este martes no que se puntualizou que os organizadores deste acto "fixeron unha solicitude baseada no engano" pedindo unha colaboración para a impresión de 200 carteis "falseando a verdadeira natureza do acto" pois tan só explicaban que sería un "encontro de veteranos militares" os días 28, 29 e 30 de abril no municipio de Barro.

"reservámonos calquera tipo de acción ou medida para preservar o nome desta Deputación"

A presidenta da Deputación de Pontevedra expresou o seu apoio ao Concello de Barro "que sufriu a mesma situación que nós" e comentou que "case estou convencida" de que as marcas comerciais que aparecen no cartel tampouco coñecían "a natureza real deste evento de ensalzamiento do xeneral franquista".

A mandataria socialista indicou que a súa familia padeceu "ataques de falanxistas na época da Guerra Civil" e fixo un chamamento "coidado con facer fortes a aqueles que poden pensar que gozan de impunidade" subliñando que o Goberno provincial "ten estado, está e estará ao lado das vítimas do franquismo e está absolutamente en contra do franquismo e dos seus herdeiros".

Finalmente, Carmela Silva insistiu ante os organizadores deste acto a esixencia da Deputación de Pontevedra para "retirar inmediatamente os carteis que foron obtidos mediante o engano" se non o fan "reservámonos calquera tipo de acción ou medida para preservar o nome desta Deputación".