O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde da Illa de Arousa, Luis Arosa, asinaron este mércores un convenio de colaboración a través do cal o goberno provincial financiará con case 400.000 euros, o 90 % do orzamento, o proxecto para construír unha senda peonil no Paseo Naval desta vila. O Concello, pola súa banda, achega o 10 % restante, preto duns 45.000 euros
Este convenio está enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030).
A obra está valorada en máis de 440.000 euros e servirá para a transformación integral deste paseo, unha arteria que conecta o centro administrativo da Illa co pulmón do Monte Palmeira, cunha reurbanización que permitirá gañar espazo de calidade para os peóns, dar prioridade aos desprazamentos a pé ou en bicicleta e consolidar novas zonas de descanso no bordo marítimo e na contorna da Escola de Pau.
O proxecto contempla a construción de novas beirarrúas e ampliación das existentes, a implantación dun carril bici, a reordenación das áreas de aparcamento, a supresión dunha mediana que entorpece a mobilidade, a implantación de novos elementos vexetais, a instalación de mobiliario urbano novo e a renovación dos servizos subterráneos.
Esta intervención dinamizará a actividade turística e comercial da contorna, mellorará a calidade urbana, fomentará a eficiencia enerxética e reducirá o uso dos vehículos a motor.
Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025.